Froilanistas

Convén comezar a tomarse en serio ao partido froilanista, que se iniciase a súa actividade antes das eleccións europeas, de seguro que alcanzaría un gran resultado, ao igual que os de Podemos ou we cant, como era coñecido en tempos de Obama. É que isto de ser intelectual e buscar pancartas non o teñen moi claro os de Pablo Iglesias, non así os monárquicos galaicos, que retranca e sentido do humor teñen de sobra.
Estou por declararme froilanista dado o peso dos argumentos esgrimidos ou disparados polos fundadores e desde que deixei de fumar Ducados, por aquilo do título nobiliario da cidade das murallas, cada vez sinto máis a necesidade dun líder espiritual, alguén que me guíe no destino político, pero que non sexa melenudo nin barbudo, que os galaicos sempre rexeitaron o modelo tupamaro, aínda que non soubesen moi ben o que era, pero que o común galaico identificou cun home de longos cabelos na cara e de vestimenta estraña, entre hippy,  punky e viaxante de comercio.
A oferta política galaica é feble, á penas hai oferta que anime á compra. Uns son de dereitas outros de esquerdas, ademais de nacionalistas, galeguistas e internacionalistas, aínda que en certas eleccións sempre hai coruñesistas, ferrolanistas ou guitiricistas, entre as máis salientables, porque os vazquistas, pachistas, caballeristas ou beiristas son circunstanciais. Así que non queda máis remedio que non sintamos unidos por unha figura común, Frolián III, que unirá os sentimentos de todos estes.
Os partidarios do novo rei galaico deben de reclamarlle á infanta Elena que envía de vacacións de verán a Froilán a territorio nacional, para que se vaia afacendo. O primeiro destino ten que ser por forza unha semana no concello de Santiago, aprendendo os rudimentos da prevaricación. Unha outra semana pasada nos corredores de San Caetano xa lle ofrecería unha panorámica máis xeral. Entre mentres, unha sesión vermú nunha festa patronal para que coñeza o verdadeiro sol atlántico, baixo os efectos dunha cervexa autóctona.
A educación galaica de Froilán, con catro sesións de fogos de artificio e tres alboradas  xa se convertería en rei das galicias. Non sería necesario que o monarca fose de montería á serra do Xurés á caza da cabra montesa, sobre todo por motivos de seguridade, como que tampouco é necesario que saía de pesca da faneca nin ás minchas, que de todo hai na costa. Unha vez solucionado o problema de coronación, asuntos menores como a bandeira autóctona ou o himno se solucionan cun concurso de ideas ou unha votación en internet, ao estilo Podemos. En canto á residencia oficial, Viana do Bolo, onde houbo un rei danzarín.

Froilanistas

Te puede interesar