Galegos no canal de Panamá

Os contratistas do canal de Panamá, alá por 1904, buscaban man de obra por todo o mundo para traballar nas difíciles condicións humanas e climáticas no istmo. Consideraban que os homes procedentes das Antillas eran os máis adecuados, por xa estar afeitos á humidade e ás enfermidades tropicais, pero a poboación masculina da Galicia depauperada fíxose eco da chamada e centos de galegos partiron rumbo ao Caribe, salvando a prohibición expresa das autoridades españolas, que vetaban a emigración ao lugar.
De igual forma que sucedeu nos últimos dous séculos, os galegos marchan alí onde hai traballo, sen medo ao clima nin ás enfermidades. A necesidade dunha vida mellor esporea aos galaicos a illarse en plataformas petroleiras ancoradas no mar do Norte, a limpar as factorías da Opel en Alemaña ou cortar cana de azucre ou árbores exóticas por xunglas perdidas. Así que a construción dun canal interoceánico a base de pico e pa para un natural de por aquí non era máis que abrir un cano diante da porta da súa casa para que non se anegase cando chovía.
Falta por contar as aventuras dos galegos na construción do canal de Panamá, como a do monfortino Eulogio Rodríguez, que perdeu unha perna seccionada por las rodas dunha vagoneta e que regresou contento á Habana co membro ortopédico made in USA, pagado pola empresa americana. O veciño de Muros José Gómez caeu enfermo de males variados e tras catro días delirando no hospital de Ancona quería regresar ao traballo porque perdía 16 pesetas por cada xornada sen fichar e tiña muller e fillos que o agardaban para marchar ao Brasil.
Nestes tempos que se puxo de moda o canal de Panamá porque unha empresa española é incapaz de realizar a súa ampliación, o presidente galego, tan afeccionado aos road shows, debería montar unha embaixada de contratistas autóctonos e ir ao istmo a vender a capacidade operativa dos construtores galaicos. Polo menos, xa contamos con experiencia de traballo nese país e man de obra por aquí temos de sobra, tal como reflicten as cifras do paro, que aquí vai camiño de ser endémico.
Visto que o de traer traballo aquí non é de fiar, como demostra o asunto dos barcos para Pemex, o máis recomendable para as autoridades autonómicas é levar aos traballadores fóra. Miles de galegos marchariamos gustosos a Panamá en procura de mellor vida e a comunidade  marcaría pleno emprego e sen listas de espera na sanidade, sería o paraíso para os que quedaran en Galicia e para os que saísen. “The best of all that have yet been tried are the gallegos”, dicían os estadounidenses dos que foron traballar ao canal de Panamá. Unha vez máis o futuro galego está no Caribe.

Galegos no canal de Panamá

Te puede interesar