GALICIA COMO LONDRES

Xa saímos da crise. Iso parece o resumo do último Consello da Xunta dado que xa comeza a tomar medidas de tempos de bonanza económica, como son as de lexislar no campo do urbanismo, que era a preocupación de todos os gobernos antes das subprime, cando ás únicas palabras que saían da boca política expresaban a preocupación, que non era tal, polo planeamento municipal.
Volvemos a falar do feísmo e a ditar normas na súa contra e San Caetano reduce o concepto a grandes urbanizacións edificadas en solo galaico, cando antes estas megaconstrucións eran símbolo de progreso e de crecemento económico, aínda que en realidade non consistían máis que en entrada de fondos nas arcas municipais e en pagamento de favores oblicuos que aínda están por descubrir, se ben moitos concelleiros xa pasaron polos tribunais e non acudiron máis edís á súa cita coa xustiza porque unha perna tapa á outra.
Atrás parece que quedou a idea de revitalizar aldeas e rehabilitar vivendas, que estivo de moda nos primeiros anos da crise. Recordemos que antes de explotar a chamada burbulla inmobiliaria era máis caro pór tellado a unha casa rural que comprar un chalé nunha urbanización perdida na periferia urbana, de tal modo que hoxe en día xa case non quedan núcleos de poboación antigos entre cidades.
Non se pode facer atractivo para vivir algo que xa non existe. Por exemplo, entre A Coruña e Ferrol xa non hai zona rural, ao igual que na área de Pontevedra e Vigo ou entre a capital do Lérez e a zona da ría de Arousa, en ambos casos non existe máis que unha continuidade de vivendas e urbanizacións unidas por estradas de velocidade elevada, que van camiño de converterse nunhas megapolis como Londres.
Forma parte da nosa idiosincrasia galaica que non haxa liñas rectas no trazado dos núcleos de poboación, porque por aquí a distancia máis curta transcorre entre subidas e baixadas, de aí que os antigos non edificasen as súas casas en montes, como se fixo en anos anteriores, porque non estaba na súa mente que houbese un medio de transporte que lles evitase sufrir o desgaste de escalar cimeiras para chegar ao cumio.
Se agora a Xunta vai volver tomar medidas no planeamento municipal, hai que agardar que se aprendese dos erros do pasado e non se convertan montes e regatos en partes da cuadrícula urbanística, que en territorio galaico non é máis que feísmo puro e duro, sobre todo cando se alisan penedos para construír casas trogloditas. Isto non é o ermo castelán onde se poden trazar liñas rectas.

GALICIA COMO LONDRES

Te puede interesar