Gangs of Galicia

Nun debate electoral en 2007 entre Feijóo, Quintana e Orozco a propósito dos comicios municipais, o actual presidente da Xunta referiuse a alcalde de Lugo como un home gordecho con pinta de bispo que estaba por alí. Parece que a denominación eclesial gustou porque na trama lucense da operación “Pokémon” o rexedor das murallas é coñecido como “cura” ou “sacerdote”, a verdade é que Xosé Clemente ten aspecto de membro da curia até no nome, que recorda a un do palmar troiano.
As revelacións das investigacións policiais de todas estas tramas corruptas con políticos polo medio non son máis que unha listaxe de chistes, esmorgas e anécdotas que denudan o pouco que se aprecian, que até por retirar unha multa dunha ORA son capaces de amañar contratos municipais no seu propio interese, sen que os seus queridos veciños, os seus votantes, sexan tidos en conta. Algo que está máis que sabido, pero que non gusta recoñecer.
Non sei se no sumario aparece algunha chamada telefónica dun veciño pedíndolle ao alcalde que arranxe un farol ou unha curva nun camiño accidentado, seguro que non existen ese tipo de demandas, que son as verdadeiras é únicas que ten que atender un alcalde e non facer o parvo.
Outra das curiosidades do sumario é o suposto envío de diñeiro a López Orozco en sobres ou por mensaxeiro. Un alcalde gaña o diñeiro que quere se ten maioría absoluta, así que non entendo eu a avaricia reinante, a non ser que se teña un nivel de vida, ou de triplas vidas, que non se poida manter, como lle sucede a outro exrexedor, presuntamente. O que é un síntoma de mal gusto é venderse por un reloxo de seis mil euros, porque quen leva esa máquina no pulso ou é unha actriz de cinema ou vai de voda, porque o normal é que se se ve un, se tome por falso, así que para lucilo na intimidade o mellor sería rexeitar o agasallo.
Imaxinemos a un rexedor paseando pola cidade ou aldea a cabalo dun Ferrari, sacando o brazo pola ventá para lucir un Rolex e cunha cadea de ouro de tamaño extra pendurada do pescozo. Iso só o vin en Miami, pero parece que se non se paraba a trama corrupta en poucos meses veríamos esa estampa polas rúas galegas, tanto no verán como nos días de temporal, se ben en tempo de friaxe andarían cubertos por grosos abrigos de peles exóticas, en plan gang neoiorquino ou galaico.
Os nosos políticos non teñen nivel de vergonza, máis ben parece que queren ser novos ricos e sentirse importantes por ser quen de evitar unha multa e ter licenza para estacionar en dupla fila.

Gangs of Galicia

Te puede interesar