IDENTIDADES NACIONAIS

Sempre me preguntei en que consiste a identidade nacional da que falan os nacionalistas que habitan en Cataluña, as terras vascongadas e o territorio galaico. Non me resultou fácil chegar a unha conclusión diferenciadora irrefutable se é que a alcancei, que esa é outra xa que o tópico di que os autóctonos de aquí non sabemos a localización exacta.
O que si é indiscutible e que os escoceses son nación. Teñen faldras e tocan a gaita e o príncipe de gales tamén viste coas pernas ao aire cando vai pola meseta británica. A efectos independentistas os do whisky  teñen as de gañar.
Os vascos son seus, amantes dos seus costumes, católicos e con certo nivel de riqueza. Desde a capital do Reino non lles atacan co conflito lingüístico, porque o idioma de alá non é moi falado e iso de levantar pedras e cortar toros de madeira non deixa de ser máis que un aliciente turístico.
No outro extremo peninsular están os cataláns, que van iniciar os camiño secesionista. Pouco sabemos deles por aquí, a non ser o que nos conta a prensa da capital do Reino. Sardanas e castellets case que son o seu folclore, pero están unidos pola lingua, que aman e defenden e teñen un equipo de fútbol que é máis que un club, outro punto de confluencia.
Unha terceira nacionalidade é a galaica onde os case tres millóns de habitantes só teñen en común a súa devoción polo Real Madrid e Lina Morgan e o seu desexo de que o seu idioma milenario desapareza dunha vez para falar castelán como fan os ciganos, os únicos que pronuncian ben o español, por así dicilo.
As enquisas revelan que somos os máis defensores da integridade do Reino, aínda que non saibamos moi ben que é iso, e somos capaces de asinar a nosa pobreza se con iso evitamos que vascos e cataláns se independicen. Tamén é certo que nunca fomos ricos.
A única identidade que temos é a que aparece no DNI, até a comida xa é mediterránea. Un día chegoume un anuncio de que tal se ía celebrar a festa da panceta. Estrañoume a comenteille a un dos promotores que burrada de celebración era esa, xa postos por que non do bacon ou dos torresmos de touciño de toda a vida.
O organizador dixo que iso do bacon estaba pasado de moda e que o de comer touciño era de pailáns e aldeáns. O que me pareceu máis grave era que todos eran rapaces, que xa estudarán na escola a historia e o idioma galaico. Cando se proclama desde a capital do Reino de que aos cativos autóctonos se lles está desespañolizando dáme a risa, xa nin sequera comen filloas, só crepes.

IDENTIDADES NACIONAIS

Te puede interesar