Limpar retretes galaicos

Os galaicos son moi dados a comentar, sufrir e solidarizarse co que lles chega desde a capital do Reino e así salta ás conversas a situación dun valenciano en Londres que disque ten que limpar retretes, malia a posuír titulación en dúas carreiras universitarias e obter un máster. Algúns autóctonos pasan do elemento emigrado a terras inglesas porque aquí hai e houbo miles de persoas nesa situación que tamén fixeron traballos non acordes ao seu nivel de estudos.
Antes de crise oficial, aínda que Galicia estea en precariedade económica perenne, calquera titulado non tiña máis saída laboral que iniciar outra carreira e seguir até unha terceira ou cuarta mentres buscaba un emprego. Non era insólito que houbese doutores repoñendo mercadoría nos supermercado ou colocados como vendedores de enciclopedias, e moitos estaban cobrando da hostalería limpado retretes. Claro que naquela época non había tanta internet e as situacións no traspasaban máis alá do ámbito familiar e de amizades.
Calquera universitario galaico non tiña antes de 2008 máis saída que preparar oposicións a celador do Sergas ou emigrar. A desgraza non era marchar, que a fin de contas todo era parte da formación académica e ampliación do espírito e do humanismo, o gran problema é que cando querían regresar para traballar aquí os postos que lle ofrecían eran do nivel más baixo. Todo era tempo perdido, por iso moitos, dos mediocres, fixeron carreira política.
Os universitarios galaicos coleccionistas de titulacións terán máis aventuras laborais que contar que o limpador valenciano. Que se animen, porque desde participar na costeira do bonito, practicar o furtivismo nas rías, realizar televentas, dar masa e tixolos na construción ou traballar na recollida de lixo existen máis de mil situacións épicas que aburrirían até os tabloides británicos, como a situación dun avogado que repartía paquetes pola mañá, pola tarde ía a un bufete a sacar papeis adiante e pola noite poñía copas e todo sin contrato nin seguros, situación que era típica na época do felipismo.
Non hai tanto tempo nun curso galaico deses de orientación laboral, aínda que máis ben de perder o tempo, asistiron trinta persoas das cales máis da metade eran titulados universitarios superiores, algúns até en tres ocasións. Ante o panorama competencial e lamentando o pouco futuro laboral, un dos que non gozaba de tan amplo currículo comentaba que se tiña que disputar un emprego contra aqueles barretes  levaba as de perder. O que non sabía era que todos aparecían inscritos con estudos primarios como máximo nivel de aprendizaxe.

Limpar retretes galaicos

Te puede interesar