MÁIS MULLERES

Resulta que Galicia necesita vinte mil mulleres e homes cada ano para non extinguirse e seguir contando con fondos Feder e máis subsidios. Pois non o entendo. Se aquí somos catro gatos non sei como vivimos tan mal. Por exemplo, temos unhas cifras desemprego inaceptables o que é o mesmo que dicir que se una familia non ten ingresos para qué quere máis fillos, ou se ir ao médico especialista convértese nunha espera dun ano. Se somos poucos, para que queremos máis inmigrantes se non somos quen de administrar decentemente á exigua poboación galaica.
Se agora o que se pretende é traer unha caravana de mulleres e homes a repoboar o territorio, habería que propoñer outra para quen desexase abandonar as terras de Breogán. Eu son dos que se apuntaría, sempre que o destino fose deses que rexistran unha media de días de sol razoable, porque de frío, chuvia e nubes estou farto. Non sei se o que é necesario para Galicia é que veña xente de fóra ou que marchemos os que estamos dentro. Cando saímos ao exterior somos dinámicos, de feito levantamos á antiga RFA das ruínas da última guerra, fixemos da Suíza un paraíso, renovamos a hostalería británica, convertemos a Perla do Caribe nun bastión anticapitalista e enchemos de ditaduras Sudamérica.
O problema vén sendo que desde a capital do Reino non entenden iso da dispersión da poboación e que haxa concellos poboados por douscentos fieis galaicos que viven pouco menos da caridade cando deberían nadar na abundancia, xa que son poucos a repartir, pero por ser escasos non teñen escolas, médicos nin servizos mínimos. Esa é a contradición que os políticos non entenden e por iso prevarican e acaban imputados, porque en vez de construír municipios do benestar, dedícanse a estar ben eles.
Temos as pensións máis baixas, os salarios máis reducidos e calquera indicador dos bos está polo chan, así que facer atraente esta comunidade a vinte mil mulleres ao ano non vexo como, nin con vales desconto nin con casa gratis. Temos o exemplo de Ferrol, unha cidade que vai camiño de quedar deserta e todo por falta de traballo ou de ausencia de iniciativa empresarial, así que antes de pedir que veñan de fóra habería que pensar en facer máis felices aos que xa residimos por aquí.
Galicia non ten problema demográfico, o que ten é falta de políticas realistas e autóctonas e non cociñadas á madrileña, porque reclamando inmigrantes só se multiplicarían os males actuais e faríamos máis infelices aos pobres que viñesen aquí esperando a terra prometida. Este non é un país para ninguén.

MÁIS MULLERES

Te puede interesar