MELLOR IMPUTADOS QUE INOCENTES

Ben pensado isto de que haxa concelleiros imputados pululando pola administración local non é mala idea nin medida que non haxa que eloxiar. Hai que pensar que polo feito de estaren baixo vixilancia xudicial obrigatoriamente terán que desempeñar o seu labor municipal de modo cristalino e sen tacha, así que xa non valerá con eles ningunha prevaricación de quítame aquí unha multa ou apúrame esa licenza. Así que xa postos, todos os concelleiros deberían estar imputados, para garantir que non empregarán a alcaldía para beneficiarse de negocios ou recibir agasallos de novo rico ou de mal gusto, porque a verdade hai que dicila, que algúns se venden por catro patacos e ademais de latón ou están en saldo, que aínda é peor. Nas próximas eleccións locais, xa que non se lle pide a EXB, polo menos os concelleiros deberían ter algún proceso xudicial en curso, xa sexa por un preito veciñal ou por un impagamento da rodaxe municipal.
E que isto de recibir regalos xa non é o que era. Agora no código de boas maneiras da Xunta os cidadáns galegos perdemos un patrimonio importante. Descoñezo se os regalos que recibiron os nosos presidentes son a título persoal ou pertencen ao tesouro galaico. Por exemplo, se vén por aquí alguén importante, como o sultán de Brunei, e no tradicional intercambio de presentes perdemos un cadro de Picasso porque supera o valor, paréceme unha parvada, porque este tipo de agasallos deberían de ser para todos e quedar expostos na Cidade da Cultura, é un dicir, aínda que se é viño haberá que bebelo. Pero no mundo da política municipal os códigos éticos non funcionan igual, salvo na Deputación de Ourense. Calquera que teña certa confianza cun edil sabe que onde se solucionan os seus problemas no é no despacho senón na taberna entre clarete e clarete, como aquel concelleiro que tiña mesa propia na tasca e atendía aos veciños en horario de bebida. O truco estaba en pillalo no momento de intoxicación etílica, cando asinaba licenzas de construción no medio do mar. O dos imputados en Santiago pasará á historia por conformar o mellor equipo de goberno nunca visto. Todos imputados e todos a traballar honradamente á espera de xuízo, despois, segundo a sentenza, virán os tempos  dedicarse ao tráfico de influencias e conceder favores, até a próxima investigación. O malo é que isto de estar baixo sospeita é perigoso, porque se se tira dun fío comeza a denudarse outra trama. Que aquí somos poucos cidadáns e moitos edís e aínda máis empresas que loitan por facerse cun contrato da administración.

MELLOR IMPUTADOS QUE INOCENTES

Te puede interesar