sábado 31/10/20

NAVES MEXICANAS

Parece que o dito aquel de facer as curas antes que ferirse vai cobrando sentido á vista

Parece que o dito aquel de facer as curas antes que ferirse vai cobrando sentido á vista de que o Goberno galego xa comezou a curarse no caso de que Pemex non decida construír os hoteis flotantes nos estaleiros galegos. A medida que se acerca a data do anuncio, o conselleiro de Industria xa lanzou as culpas de que no haxa apartamentos acuáticos aos responsables mexicanos, do mesmo modo que Feijóo tamén anda deixando caer que pode haber un fracaso, incluso el mesmo se autoinculpa, algo insólito.
Entre estes e outros indicios, os contratos de Pemex están máis que escritos no ar, en papel mollado, senón non se entende tanto secretismo con eles e tantas cláusulas escuras na redacción de futuros. De non saír adiante esta carga de traballo para as factorías galegas, non entendo por que se fixo tanta propaganda á subscrición de ese preacordo mexicano, a non ser que fose por motivos electorais, co cal sería unha vergoña e unha manipulación imperdoable, aínda que isto aos galaicos como que nos dá  igual, mentres non nos quiten o subsidio.
As últimas declaracións do padre Feijóo sobre a construción dos floteis para Pemex son cando menos preocupantes e sementan de dúbidas a súa materialización. Por exemplo, desde hai varias semanas o presidente galaico non fai máis que cargar contra o responsable de Navantia, que non fai nada por buscar carga de traballo para os estaleiros, cando outros países pouco ou moito seguen construíndo barcos civís, pero o certo é que desde que chegou Felipe González até o día de hoxe as gradas galegas non son máis que atractivo turístico, de feito existe una ruta ao respecto.
O certo é que o sector naval xa non emprega a moita xente, xa que os estaleiros teñen o seu cadro de persoal reducido en traballadores de a pé e todo está en mans de empresas auxiliares, moitas delas xa desaparecidas e as que subsisten andan por aí dispersas. Deste modo o custo electoral e máis ben escaso tendo en conta que aínda faltan case tres anos para as próximas eleccións autonómicas.
Só queda agardar que as naves fantasma de Pemex sexan reais e non unha ilusión na que estivo envolta a dialéctica política nos últimos meses, aínda que hai que ser realistas porque once empresas de todo o mundo optan a facerse cos contratos e todas eles se presentaron mediante ofertas e non por mediación dun político que foi alí a México e dixo aos petroleiros: Ándele, que en Galicia somos muy machos, bebemos aguardiente y tenemos nuestros mariachis propios, que les llamamos gaiteiros y barcos también hasemos y de hierro y Cantinflas era de origen gallego.

Comentarios