Non sabemos o que temos

O titular dunha igrexa parroquial, desas antigas que temos por aquí, construídas sobre castros e a medio camiño entre templo animista, santuario pagá e local de eucaristías, decidiu que había que realizar unha reforma debido a que o espazo vital non daba cabida a tanto fiel que por alí aparecía en casamentos e funerais. Así que este ilustre relixioso, adepto ao interiorismo e supoño que un día de descanso mental, baleirou as paredes sacras de santos e tallas relixiosas.

Naqueles días non se estilaba iso de recollida selectiva de lixo nin depósito de voluminosos e as pezas sacras, todas elas anteriores ao século XII ou de datas similares quedaron ás portas do edificio eclesiástico, á espera de que o decorador de sotana lles dese algunha solución final. Houbo a sorte de que algunhas almas piadosas da freguesía, algún coleccionista de arte que pasaba por alí ou alguén que tiña un oco na súa casa apañou parte das pezas  alí tiradas, mentres que outros tamén recolleron tallas un tanto defectuosas que serviron para acender a cociña de leña e deron calor para un prato quente. 

O único que se salvou da desfeita sacra foi o santo da parroquia, que era paseado a ombros dos devotos que abundaban eses días de festa e verbena e que aínda que eses esforzados descoñecían a celebérrima obra de Giuseppe Guareschi, cada ano a procesión era motivo de variada asistencia, segundo os porteadores fosen comunistas ou dos outros.

A verdade era que os seguidores de Marx, Karl ou Groucho, marcaban máis o paso e as gaitas e a foguetería soviética eran vistosas e animadas durante o periplo do santo.

Descoñezo se se produciron máis casos como este de autoespolio nas igrexas, pero o normal é que houbese ducias deles. Iso leva a pensar se moitas veces cando se denuncia o roubo de tallas relixiosas nun templo, ao mellor están máis conservadas e valoradas na casa dun coleccionista sen escrúpulos que na parroquia. 

Nin sequera hai un inventario da arte espallada entre as pedras das ermidas, así que resulta difícil saber que foi o que se roubou e non é a primeira vez que hai que pedir axuda a noivos ou padriños para identificar unha talla que aparece nunha esquina dunha fotografía da cerimonia en cuestión.
Simplemente foi falta que casos como o do códice Calixtino no seu día leven á reflexión do que existe en territorio galaico e do que nada se sabe, até que alguén se da conta de que desapareceu ou que un mecenas decida limpar unha pintura dunha parede e que o párroco cobre entrada, a modo dun euro por visita, sempre e cando non sexa inconstitucional.

Non sabemos o que temos

Te puede interesar