NON SOPORTO A QUEEN

Aradiodifusión española ten un grupo insignia que soa cada quince minutos e ese non é outro que os británicos Queen, un grupo que ten unha extensa produción, pero que se reduce a catro cancións principais, a saber: “Bohemian rhapsody”, “We will rock you”, “We are the champions” e “Somebody to love”, as cales poden ir aderezadas ou intercaladas con: “The show must go on”, “Under pressure”,  “Another one bites the dust” e “I want to break free”, o cal nos dá un total de oito pezas exclusivas para unha banda que comezou en 1970 e que quedou finiquitada coa morte do showman Freddie Mercury en 1991.
Calquera oínte de radio de dez anos xa está farto de escoitar esas reiteradas cancións, así que un sexaxenario debe ter os discos da banda en Sogama. Non sei quen dixo que calquera cinta de casete que aparece nun caixón é porque acabou converténdose nun LP de Queen. Eu chegaría máis lonxe ao afirmar que todas as cancións radiodifundidas teñen a voz de Freddie Mercury.
Hai que supoñer que dan audiencia ou están de saldo para emitir, porque hai algunha emisora que pon a de Champions a esgalla, e nalgún caso, até se permiten presentala durante tres minutos, máis tempo do que dura a canción, a cal creo que é himno oficial do fútbol, no que non estou moi posto, pero que soa en todos os bares, que son os novos santuarios do balompé con cervexa.
Pensaba que eu era o único que estaba até o cu dos pelmas de Queen, pero non. Un día nun establecemento público de uso frecuente, que ten por costume pór unha emisora adicta a “We will rock you”, unha das habituais do local comentoulle á dona que mudase de frecuencia porque acabaría a vómitos de tanto empalago do Mercuy. A responsable do negocio non se mostrou sorprendida xa que non era a primeira vez que lle solicitaban unha mudanza da devandita estación polo abuso de Queen, grupo que ela aborrecía, pero que supoñía que lle gustaba a todo o mundo, pero que non debía ser así.
Ultimamente estou sufrindo unha desintoxicación da banda mediante un curso de idioma ruso que me descarguei e que xa me permite entender os rudimentos que me interesan, como, por exemplo, pedir un vaso de vodka, preguntar canto costa disparar a un oso bébedo ou por onde se vai para ver a Lenin momificado ou disecado, que con estas dúas palabras estoume enleando, porque en moscovita son demandas frecuentes.
Ao final vou terlle que agradecer aos pesados de Queen que amplíe a miña capacidade de idiomas e cando domine o léxico culinario ruso, pasarei a outras linguas do mundo empezando polo italiano até chegar ao sánscrito, ben este non porque o Mercury era algo indio da India.

NON SOPORTO A QUEEN

Te puede interesar