Parlamento de veciños

María Dolores de Cospedal deixou aos seus deputados manchegos sen soldo, que foi o modo como nos decatamos de que na estepa castelá había un Parlamento. Aquí, por proximidade , sabemos que existe unha asemblea lexislativa en Santiago e incluso coñecemos a algún que outro integrante da Cámara máis que polas súas iniciativas, polas súas pallasadas.
A reforma electoral que pretende acometer o grupo do PPdeG dará con menos parlamentarios, algo así como que os 75 actuais quedarán en 61, por aquilo de reducir gastos e levar a austeridade á máxima expresión. Que isto o realicen os manchegos, que a fin de contas son autonómicos daquela maneira, debería traernos sen coidado, pero aquí en Galicia ven sendo como se convertésemos O Hórreo nun parlamento de veciños que se reúnen para acordar pintar as escaleiras.
Menos os portavoces respectivos, o resto dos asistentes aos debates, plenos e comisións son pouco máis que simples apertadores de botóns, dos que nin coñecemos o nome, como tampouco recordamos cal era o cabeza de lista do partido polo cal votamos nas últimas eleccións, nin coñecemos unha iniciativa parlamentaria que fose orixinal e en beneficio do conxunto da poboación. Nada de nada. Todas son leis e leis e cada cal máis restritiva e con ánimo de lucro.
Os críticos coa redución do número de deputados afirman que haberá unha queda da democracia. A verdade é que o Parlamento será tan variado con 75, como con 61 ou con quince deputados, mentres o sistema da súa elección estea viciado desde a base, de modo que non se elixe á persoa senón ao partido, con independencia de que a formación nos meta no saco a tres inútiles que fan da política o seu modo de vida e nin sequera se preocupan polos problemas da súa área de influencia, como se sabe polas poucas iniciativas particulares que fagan referencia a unha zona concreta de Galicia.
Pero se imos en plan aforrador, o mellor será reformar o Estatuto e crear un Parlamento virtual, unha páxina web onde haxa un foro de discusión e un botón para votar si ou non. Isto sería a democracia total e a soberanía volvería a ser popular. Xa veríamos cantas subidas de impostos, canons e taxas íamos sufrir: nin a primeira. E todo a prezo mínimo.
Outra solución é derrubar o pazo do Hórreo e construír un centro comercial con multicines e restaurantes italianos e asiáticos a prezos populares. Na súa entrada se colocarían dúas urnas e os tres ou catro parlamentarios elixidos se encargarían de convencer aos consumidores que se acercasen por alí de compras de cal era a mellor opción, incluso non estaría mal que se admitisen subornos como vales desconto. Aínda que o mellor é cerrar o Parlamento.

Parlamento de veciños

Te puede interesar