PERDEUSE EN EEUU

Omércores 13 de novembro de 2002 o capitán do petroleiro “Prestige” lanza un SOS ás 15.15 horas. A partir dese momento comeza un dos desastres ambientais, sociais e políticos máis graves da historia de Galicia, que once anos despois resolveuse nunha sentenza que non encontra culpables, como era o previsible dado o calamitosa e errático proceso xudicial levado pola vía penal que só buscaba a crucifixión do daquela director xeral da Mariña Mercante, por parte dunha acusación, ou o fusilamento do capitán do buque, por parte da outra.
Cando comezou o xuízo xa se sabía que non estaban sentados entre os acusados todos os culpables, que non eran outros que os responsables da aseguradora, cualificadora e demais empresas internacionais, que en definitiva eran quen tiña o diñeiro para pagar o desastre ecolóxico. O resto non pintaban nada, cada un cumpría as ordes e actuou o mellor que puido ou soubo, como se recoñece na sentenza, porque hai que pensar que desde o Goberno de Madrid, que nin sabía o que era un petroleiro, non tiña planificado regar de chapapote toda a costa e só querían sacarse o problema de enriba sen entrar a valorar as consecuencias que supuña o rumbo negro do buque.
As cifras do “Prestige” son mareantes para o Estado, que tivo que pagar 108 millóns para extraer o fuel do buque despois de afundir, ademais a Fiscalía avaliou os danos en 2.439 millóns de euros só para Galicia dos 4.334 nos que cuantifica o total, que vén sendo algo así como pór unha cantidade por pedir, aínda xa sabendo que ninguén ía pagar. De todos é sabido que as indemnizacións aos afectados xa se fixeran afectivas ás poucas semanas da catástrofe para reducir ás protestas, que quedaron como algo de ecoloxistas melenudos.
O gran desastre do “Prestige” é que se tratou de resolver desde Madrid e á madrileña, que non é outra forma que a de buscar un culpable, poñerlle cara e presentalo en sociedade esposado e camiño dun presidio, o demais é secundario e solucionable con diñeiro.
O caso dos miles de voluntarios que viñeron a limpar as praias tamén foi paradigmático de como se levou o asunto. A eses desinteresados limpadores de chapapote se lles agradeceu o seu traballo, moitas veces realizado sen medios, cunhas simples fotografías retocadas das praias esplendorosas e cunhas grazas por todo. Pero aos poucos meses, cando algúns notaron síntomas de malestar polo contacto prolongado co fuel, apareceu un informe que revelaba que o consumo de drogas na Costa da Morte se disparou trala chegada dos recolledores de petróleo.
Convén recordar que o xuízo de “Prestige” perdeuse en EEUU e alí quedaron as posibilidades de recuperar os cartos do desastre e diso ninguén deu aínda explicacións, nin á madrileña.

PERDEUSE EN EEUU

Te puede interesar