O poderío de Inditex

Obalance económico que presenta Inditex é sorprendente e demostra que desde Galicia se poden facer ben as cousas. Máis alá dos beneficios, das vendas e outros algarismos sorprendentes da multinacional, a presentación de resultados tivo un momento de demostración de poderío galaico que pasou desapercibido para a maioría. 
Inditex escolleu a nave de 180.000 metros cadrados como escenario para presentar o seu balance anual. Nese recinto, onde se distribúen prendas para todo o mundo a razón de 200 camións semanais, o comandante da multinacional, Pablo Isla, subiu ao estrado e toda a maquinaria de clasificación e reparto quedou en silencio durante dúas horas, mentres informaba á prensa. Unha demostración de forza máis alá de puntos porcentuais arriba ou abaixo. Se unha gran empresa é quen de deter a súa produción o tempo que faga falta, que outras metas non poderá gañar.
Se comparamos Inditex con Pescanova, a primeira multinacional galega que tivemos, non encontramos paralelismos nin na situación actual nin na pasada. Unha é a aplicación da modernidade e outra é o personalismo máis rancio que leva á pesqueira a esluírse entre as ondas de acredores. Sería impensable que Fernández de Sousa presentase un balance nunha planta transformadora, porque aínda que a transformación do peixe non sexa cuestión de estilismo, sempre se puido facer con bo gusto e demostración de forza.
Agora só queda Inditex como multinacional galega, se exceptuamos á Deputación de Ourense, que seguiu o camiño natural de expansión abrindo en 1988 unha tenda Zara en Porto, o primeiro paso para ser unha multinacional. Aínda hai quen pensa que o futuro empresarial galaico pasa por ir á capital do Reino, cando a unha hora existe un país descoñecido como é Portugal, porta de entrada no Brasil.
Inditex está construíndo outra nave de 130.000 metros cadrados na estepa castelá. Ningún galego sería quen de imaxinar hai trinta anos que habería unha empresa autóctona dando de comer aos españois con oito centros loxísticos e centos de tendas e que ademais leva autocares de Malpica para lucir a Costa da Morte polas autovías mesetarias para transportar aos enviados. Outra demostración do poderío galaico. 
O poderío nuclear é ter a millóns de persoas vestidas con roupa deseñada en Galicia, como o foi no seu día a globalización das bebidas de cola no mercado asiático e ex soviético. Así que se se poden parar as máquinas de distribución mundial durante dúas horas, en poucos anos caerá a imaxe dos chineses co uniforme de Mao por outro made in Arteixo.

O poderío de Inditex

Te puede interesar