viernes 18.10.2019

Por un prato de mexillóns

As conserveiras lanzaron unha idea salarial que non é nova: cobrar parto do salario en especies.

 

As conserveiras lanzaron unha idea salarial que non é nova: cobrar parto do salario en especies. A iniciativa non sentou ben aos sindicatos, que analizaron a proposta desde o punto de vista dos rendementos do traballo e non desde a perspectiva sanitaria e nutricional, que é o máis grave. Así que os departamentos da saúde pública deberían de tomar cartas no asunto porque a ninguén se lle escapa que alimentarse só de sardiñas non debe ser moi aconsellable, a non ser que haxa unha adición patolóxica. Pero pensemos que o sector das latas e frascos de vidro con preparados alimentarios de longa conservación é moi variado, de tal modo que haberá que teña que engulir callos, espárragos, luras na súa tintura, mexillóns, fabada e un longo albará de preparados. Só serán felices quen teña a sorte de traballar unha conserveira con amplo catálogo de produtos elaborados.
Tirando de extrapolación é difícil imaxinar que haxa algún sector que se beneficie do cobro de parte da nómina en especies. Por exemplo, os médicos non estarían polo labor de que lles abonen unha porcentaxe en medicamentos, como tampouco os arquitectos cando no seu visado se inclúa un número pactado de blocos de cemento ou de lousas. Aínda así, outros grupos profesionais serían perigosísimos, como o dos axentes da Guardia Civil das estradas, que cobrasen por multas. Non sería soportable escoitar todos os días a un número do instituto armado dirixíndose a un como “caballero”, mentres lle endosa unha coima.
Pero todo se andará, porque en época de crise a devaliación da persoa que o sector empresarial sen escrúpulos non dubida en utilizar a frase esa de que “se un non o quere, hai outros esperando”. É que os galaicos somos de prezo baixo, autoestima reducida e en oferta permanente, desde que perdemos o noso reino estamos afeitos ao espírito de xornaleiro.
O da industria conserveira é un sector que chegou a Galicia impulsado por estranxeiros, que viñeron aquí con ánimo colonial que aínda continúa. Mentres os galegos tiñan máis fácil coller un barco e atravesar o Atlántico para facer fortuna, outros chegaban vía Madrid ás costas autóctonas con contratos de arrendamento e de explotación da biodiversidade local, incluída a humana, porque os nativos levamos vendéndonos por un prato de mexillóns toda a vida. Unha práctica habitual entre certos empregos é que os operarios, sempre sen pasar, leven algunha cantidade do material que utilizan para traballos extras. Por exemplo, na construción era frecuente que desaparecese unha cantidade asumible de sacos de cemento e outros materiais que aparecían reconvertidos en chabolas de tres habitacións en calquera leira. No sector naval, tamén había pequenas desviacións de material que eran empregadas no cableado das casas ou en pechamentos de currais de galiñas. Seguro que se nestes sectores se lles desquitase da nómina unha parte en material, habería máis que palabras.

Por un prato de mexillóns
Comentarios