QUERO SER ANDALUZ

Un integrante dunha comisión de festas dixo que contratara unha orquestra de mariachis porque hai un ano, nas anteriores festas patronais, tivera moito éxito un grupo valenciano que se disfrazaba de Pancho Villa e que este ano, aínda que eses charros fosen da Peroxa, había de traelos porque os contribuíntes á verbena así llo esixiron. Outro membro do comité comentou que de onde sacara que os cidadáns pedían música de corridos, que el nunca oíra tal cousa, que se as rancheras gustaban tampouco era como para facer un festival de mariachis nas honras do patrón.
Ante esta controversia, un comisionado terzou no asunto opinou que o mellor era traer unha orquestra galega, das de toda a vida, que coñecían os gustos da xente e que tanto cantaban corridos como pasodobres e acababan a verbena coa muiñeira de Chantada, como se fixo toda a vida. En vista de que no houbo acordo, o presidente optou por facer un inquérito entre os veciños para que elixisen que grupo musical querían. Reuníronse os integrantes da comisión para elaborar a sondaxe e decidir que preguntas habían de facer aos veciños. Ao cabo do varias horas saíu unha lista de cen cuestións que resolveron reducir a unha dividida en seis respostas. A orquestra que veña tocar ás festas queres que toque: Todo mariachis. Todo pasodobres. Metade pasodobres, metade mariachis. Máis pasodobres que mariachis. Máis mariachis que pasodobres. Un pouco de cada
Con este formulario partiron a darllo aos veciños. Ao cabo de tres días recolleron os cuestionarios e tras facer o reconto chegaron á conclusión de que non había unha resposta clara, a veciñanza estaba dividida, ao cuarto día xa había outra comisión de festas paralela, ao quinto outro grupo de cidadáns organizou unha plataforma para traer a AC-DC ou Barón Rojo, no seu defecto, e contactaron coa  Xunta para pedir unha subvención para un festival de música celta, os veraneantes madrileños optaron por facer unha verbena de música dance, que lles gustaba aos seus fixos, e unha queimada á que se apuntou de oficiante un belga.
Entre tanto balbordo, un grupo de inadaptados propuxo erradicar as festas patronais, suprimir as verbenas e pedir o ingreso en prisión dos alborotadores fieis da tradición, que se ben tiña mil anos, non se podía impoñer ao resto de cidadáns, e que se a xente quería música que a puxese na súa casa.
O caso é que estes alienados foron sumando adeptos. Primeiro recolleron entre os recén chegados e aos poucos tamén se engadiron traidores do mesmo pobo, de tal modo que as festas están garantidas un ano, pero para o ano que vén é dubidoso que se manteña esa tradición que se recolle nos libros de historia e que forma parte da cultura do país. Ante esta revolución, os integrantes da comisión oficial, a de toda a vida, presentaron a dimisión e pensaron en expatriarse. O presidente dixo: “Se fose andaluz non pasaba isto, con María del Monte estaba todo solucionado”

QUERO SER ANDALUZ

Te puede interesar