A santa compaña

Un ano máis segue vencendo a tradición máis galaica de terlle medo á santa compaña na noite de defuntos, polo menos a mocidade aínda non se disfraza da tenebrosa procesión sobre todo polo medo a quedar integrado nela e ser un alma en pena o resto da vida. Xa se sabe que iso de andar de entroido en día tan sinalado é tentar ao demo e outra cousa e vestir de pallaso e ir a unha macrodiscoteca, como antes se acudía á festa da escuma ou da camiseta mollada, polo que me fai supoñer que isto do Jalopín é unha moda que interesa máis aos grandes almacéns que á sociedade en xeral, polo menos á galega.
Pero aínda así, os nosos docentes deixaron de adestrar nos parvularios aos cativos no magosto e na festa pagá do Samaín pola celebración peliculeira, dando alimento ao consumismo á chavalería que ten que adquirir cabazas, perrucas e outros obxectos decorativos para ir disfrazado o último día antes de defuntos á escola. Non hai como descastar á sociedade desde o berce, moito máis efectiva que a doma e castración de antigamente.
Pero cos anos acabarase sucumbindo ás tradicións ou festas estranxeiras, porque os nativos galegos somos así, canto veña de fóra mellor. Agora que está de moda decorarse o corpo con pinturas perennes, a mocidade lánzase a inscribir na súa pel motivos de culturas alleas, como aquel se fixo retratar un lobo no peito por non se sabe que motivo dos indíxenas dos prados de Norteamérica, sen saber que ese animal é un símbolo tan galaico e tan metido na nosa cultura que xa está esquecido, tanto como o conto de Castelao.
Neste mundo das tatuaxes habería que someter a un curso de cultura xeral galaica aos deseñadores de debuxos para que se deixen de importar monicacos das antípodas, porque aquí temos de todo, desde esvásticas celtas até simboloxía máxica, pero para que callen entre os aborixes haberá que agardar a que veñan de alén do Atlántico. Das nosas tradicións só quedará nos séculos futuros o medo á santa compaña, porque o resto irá desaparecendo como o caldo de castañas da época ou as sobremesas de “melocotón en almíbar”.
Qué tempos aqueles nos que ninguén se atrevía a saír de noite en defuntos, non fose caer no círculo da santa compaña, e as familias se reunían a contar historias de fantasmas, que cada unha tiña o seu, sen necesidade de ir a Escocia a buscalos. Un home comprou un detector de movemento, como os que hai nas entradas das tendas desconfiadas, e instalouno na súa casa para comprobar en broma ou en serio se había fantasmas. O caso é que un día comezou a soar de vez en cando e así seguiu pitanto até que o desconetou.

A santa compaña

Te puede interesar