Turismo de verbena

Axente bota man da axenda telefónica para recuperar contactos interesantes que vivan en lugar con encanto, denominación que se emprega hoxe en día para referirse ao pobos perdidos da man de Deus ou dos demos do asfalto. Isto é una afirmación dos inquéritos que saen na prensa estes días, pero do que calquera humano con residencia perto do mar pode dar fe, de tal modo que o seu teléfono rexistra máis chamadas que calquera data sinalada. A solución para evitar ter que compartir casa ou ceder un anaco de horta para instalar unha autocaravana ou un vivac é informar ao oportuno coñecido de que un estará de viaxe en Madrid, na casa dun amigo, que pasará unhas datas no domicilio doutro que foi de cámping.
As vilas galegas con vistas ao mar ou a unha praia próxima dispoñen dunha decoración de verán típica. Xunto aos anuncios das omnipresentes feiras medievais e degustacións de comida típica galaica, como a hamburguesa, aparecen outros avisos de arrendamento de pisos, casas, chalés, vivendas, con horta, sen piscina, con hórreo e cerca duna areal, incluso hai outros que estenden ao oferta de aluguer, con rebaixa, até todo o ano e o máis entusiastas até intentan vender o inmoble.
Quedan lonxe aqueles veráns onde as casas se arrendaban sen problema de un ano para outro, incluso algunhas tiñan lista de espera. Pero chegou a explosión inmobiliaria e non quedou ninguén sen o seu habitáculo vacacional a pé de praia. Outras promoción permanecen agora como a piques de converterse nun bosque de laurisilva con todos os ingrediente para protagonizar un incendio.
Todo ten o seu lado bo, así que seguen realizándose festas populares neses concellos veraneantes, con misa solemne, procesión, charnga betanceira e sesión de fogos de lucería ou artificiais ou de palanque, que niso hai especialistas que discuten sobre o saber facer dos nosos fogueteiros, aínda que para eventos de relevo haxa alcaldes que precisen de técnicos foráneos, que tanto fan unha catedral envolta en chamas como unha xiralda.
Aínda así, os licenciados en pirotecnia non chegan ás mans, como os músicos de orquestra, algo que tiña que ocorrer un día ou outro entre os imitadores de Antonio Molina.
Non é que sexa eu moi de orquestras e verbenas, pero chamoume a atención que nas miñas coincidencias polos campos da festa, todos os cantantes masculinos canten co falsete de “Soy minero” e as cantantes femeninas, fagan o propio  co sotaque de Isabel Pantoja. Así que era sabido que houbese unha agarrada entre vocalistas ou trompetistas. Menos mal que os galaicos nos entretemos con calquera cousa.

Turismo de verbena

Te puede interesar