Vagos e maleantes

Non hai moitos anos, o ministro do Interior era o máis coñecido de todos os membros do Goberno central. Hoxe en día, afortunadamente, non é así, pero o que temos agora parece que quere ser o number one e en vez de buscar delincuentes e combater o crime pretende que toda a sociedade sexa sospeitosa coa nova lei de seguridade cidadá, que non ten outra finalidade que a de acabar coas manifestacións, o único modo de protesta entre elección que teñen os votantes.
Contan que durante o réxime franquista a moitos activistas políticos, dos que estaban na clandestinidade traballando coa vietnamita, as autoridades lles aplicaban a lei aquela para vagos e maleantes, o cal lles producía máis dano que a propia pena. Pois este Goberno vai camiño de facer o mesmo e converter a calquera opositor aos recortes ou despedimento laboral en perigoso delincuente.
Hai empregos nos que o aguantar queixas e insultos xa vai no salario, sexa este pouco ou moito, que sería outro cantar. Por exemplo, calquera persoa que traballe nun posto de atención ao público sabe que vai recibir centos de broncas ao longo da xornada laboral e non digamos se traballa nunha coñecida liña aérea de prezo reducido. Así que un axente antidisturbios xa cobra un plus por soportar que os manifestantes canten contra eles miles de barbaridades como se fosen un orfeón desafinado.
O que pasa é que este home, o ministro do Interior, ten afán de protagonismo despois da brillante detención do maquinista do Alvia, así que a lei de seguridade cidadá máis parece que quere convertela na norma de impunidade dos políticos. Haberase que andar con ollo se lle chamamos inútil ou incompetente a un ministro ou conselleiro, porque aparecerá unha parella de axentes a poñernos a disposición xudicial para pagar unha multa tan elevada que non quedará máis remedio que ir ao cárcere.
As protestas son un elemento da vida social que existe desde sempre e non deben amoldarse por lei ao que lle interese ao goberno en mando. É certo que hai miles de modos de atacar aos políticos sen ter que recorrer a asaltar a súa vivenda, pero as manifestacións téñense que notar, senón non serven para nada. Se os de Navantia non cortan o tráfico, nin se sabe que protestan, se os mineiros non lanzan foguetes tampouco se nota e se os estudantes non colapsan as redes sociais, pouco menos se sabe que están de greve.
Se non é control o que pretende o Goberno coa lei cidadá non queda outra que sexa incrementar a recadación mediante sancións, porque 30.000 euros de multa para un botellón non autorizado é para curar a resaca de golpe.

Vagos e maleantes

Te puede interesar