AÍ VÉN O MAIO...

E   sas son as palabras coas que Manuel Curros Enríquez comezou o seu poema “O Maio”, tirando dun cantar popular para continuar con moi bo facer sumando versos e completando tan marabillosa poesía que incluíu nos seus Aires da Miña Terra: “Aí vén o maio / de frores cuberto / puxéronse á porta cantándome os nenos / i os puchos furados pra min estendendo, / pedíronme crocas dos meus castiñeiros”.  E no ano 1975, musicando entre outros este mesmo poema -que daba tamén nome ao seu primeiro disco- Luís Emilio Batallán facíalles unha homenaxe a Rosalía, a Cunqueiro, a Cabanillas, a Celso Emilio Ferreiro e, por descontado, a Curros Enríquez, autor da poesía que fala precisamente da chegada deste mes e de todo o que polo xeral iso supón: a chegada do bo tempo, da alegría, das flores... Polo xeral, porque quen coñeza a canción e o poema de Curros axiña ha caer na conta de que no fondo do que fala a letra é das terribles inxustizas que existían na época do excelente escritor celanovés e que el soubo reflectir de xeito tan fidedigno nas súas composicións.
Pero aínda que as cousas -por sorte- melloraron moito desde a época na que Curros Enríquez criticaba as desigualdades sociais que observaba, por estas terras segue habendo diferenzas entre as persoas que viven no centro e as que viven nos arredores e iso nestes tempos tampouco é algo que debamos calar as e os que nos dedicamos a isto da “res pública”, porque a nosa función é loitar a prol da cidadanía no seu conxunto, sen que haxa diferenzas entre grupos de primeira e de segunda categoría. Vilagarcía de Arousa é un territorio que non só abrangue uns centos de metros arredor do Xardín de Ravella, da Rúa da Baldosa ou da Praza de Galicia, por exemplo. Vilagarcía de Arousa tamén son as leiras de Guillán, os montes de Rubiáns, os camiños de Bamio, os regatos da Escardia... E nesas zonas vive moita xente, que merece o mesmo respecto -exactamente o mesmo- que merece quen vive na Avenida da Mariña, na Praza da Independencia, na Avenida do Doutor Tourón, etc. 
Pero así as cousas, a pouco que nos despistamos, botóusenos enriba o mes de maio e un ano máis preséntasenos cheo de flores e fiúnchos -como di o cantar popular- e certamente estes días ha haber moita máis afluencia de xente polas terras afastadas do centro para recoller coloridos adornos para elaborar os magníficos “maios”. Chega o mes florido e durante esta época quen máis e quen menos ha aproveitar que os días van estirando un chisco máis a súa duración para comezar a pasear por todas estas zonas rurais e procurar escapar do mundanal ruído da urbe. Unhas voltiñas polo campo sempre axudan a despexar a mente e desconectar -aínda que sexa só por uns minutos- da velocidade á que se move todo no centro da vila.
Pero ollo, porque se, por exemplo, queren cruzar cun carriño de bebé por debaixo das vías do tren, lembren que igual teñen que baixar con carro e todo polas escaleiras de acceso ao paso inferior, pois o ascensor funciona coma os intermitentes do coche daquel chiste tan vello: “agora si, agora non, agora si, agora non...”. E a culpa de quen é? De ADIF? Do Concello? Da pouca comunicación que hai entre uns e outros para amañar o problema? Dá o mesmo; o caso é que quen vai apandar vai ser quen queira empregar dito elevador e nos máis dos días non poida facelo... Outro exemplo: se xusto alá onde remata Vilagarcía e comeza Vilanova queren subir desde a Avenida de Pontevedra á zona do Hospital, procuren facelo polo medio da pista, porque se o fan polos lados igual enganchan nas silveiras que ninguén se preocupa de controlar...
É estupendo que se coide o centro; estupendo e necesario, pero os beneficios non poden ser exclusivos desa zona. Nos arredores, amigas e amigos, xa é hora de que chegue o maio, porque de momento -coma para o protagonista do poema de Curros Enríquez- para o rural non hai maio, para o rural sempre é inverno...
                               *Voceiro municipal de 
                        Somos Maioría Vilagarcía.

AÍ VÉN O MAIO...

Te puede interesar