Algo diferente

A sí rezaba o noso lema de campaña electoral hai un ano: Queremos algo diferente. E neste mesmo espazo que nos brinda o Diario de Arousa, o primeiro artigo que se enviou en nome de Somos Maioría Vilagarcía falaba precisamente dun cambio entre as vellas formas e as novas. Falaba de historias do pasado e soños do futuro, de mudanzas no xeito de facer política, de darlle á mesma novos aires, novas prácticas...
Pouco a pouco, seguramente dun xeito máis lento do que nos gustaría a todas e a todos, vanse logrando cousiñas. O pasado xoves, no pleno ordinario de maio, produciuse un feito deses que fan que se poida presumir dun pequeno gran logro a prol da nosa lingua: o compromiso de empregar o galego por parte de quen hai un par de anos cometera o erro -penso que, sinceramente, máis por amosar o seu enfado co seu interlocutor que coa lingua galega- de soltar aquela famosa frase “Hablaré gallego cuando me salga de los puntos suspensivos”. Aquel día, este que subscribe estaba entre o público asistente á sesión plenaria e non puido resistir a tentación de amosar a súa indignación na quenda de rogos e preguntas.
Como lles dicía, este pasado xoves, estando xa no asento outorgado -cedido por catro anos, para sermos exactos-  pola cidadanía de Vilagarcía de Arousa, produciuse un “dejá vu” e axiña nos veu á cabeza -e atrévome a falar en plural porque teño a certeza de que non fun o único ao que lle pasou- aquela famosa e fatídica expresión dos “puntos suspensivos” de quen naquel momento ostentaba o cargo de Concelleiro de Seguridade na corporación anterior. Fomos varias persoas as que recibimos o golpe directo da intervención en castelán do Señor Pérez Dorgambide e unha vez encaixado o mesmo, había que reaccionar...
E a reacción foi inmediata; por aquilo da “deformación profesional” como lingüista, tomei a liberdade de expresarlle o meu descontento ao Señor Dorgambide pero facendo “algo diferente”, como foi tirar do reforzo positivo -coido que se di así en Pedagoxía- para alcanzar o obxectivo pretendido, que non era outro que o de lograr que os membros da Corporación empregasen a lingua galega nas súas intervencións, cousa que, por certo, aprobaramos todas e todos os presentes no pleno do mes anterior. E así foi, porque o reforzo consistiu en facerlle ver ao concelleiro do Partido Popular que tiña as ferramentas perfectas para expresarse nun galego xa non só correcto, senón excelente. E funcionou! Diante de toda a Corporación e do público alí presente, o señor Dorgambide comprometeuse a empregar o galego nas súas intervencións, en base, polo que dixo, á forma na que se lle pediu que o fixese. Rectificar é de sabios, din, e esta rectificación resultou gratificante ademais. Por todo isto é polo que lle quero agradecer publicamente a Cholo Dorgambide a súa boa vontade.  A lingua galega non sabe de cores nin de rivalidades políticas, -que as houbo, que as hai e que as vai seguir habendo-, pero se dicimos que queremos algo diferente, temos que ser as primeiras e os primeiros e ofrecer algo diferente, por iso este agradecemento.
O galego e o Concello de Vilagarcía van gañar moito se aquelas e aqueles membros da Corporación Municipal que aínda non o fan asuman o pequeno, mínimo, esforzo por expresarse na nosa lingua. Como se adoita dicir, non hai peor galego có que non se fala. A escusa de querer evitar posibles erros xa non vale. 
Desta volta, actuando dun xeito diferente, logramos gañar unha pequena batalla pola nosa lingua. Quedan moitas, non hai dúbida, pero habemos seguir insistindo. Un soño de cara ao futuro: lograr que todas e todos os concelleiros empreguemos a lingua galega nas intervencións nos plenos municipais. Suporía algo novo neste Concello; suporía un gran logro para o galego; sería algo diferente.

Algo diferente

Te puede interesar