CANTOS DE SEREA

C   ontan as lendas que as sereas enfeitizaban co seu canto sonoro os mariñeiros; engaiolábanos de tal maneira que se botaban ao mar atrás delas e acababan sendo devorados. Foi Homero na súa Odisea quen puxo a Ulises, con toda a súa curiosidade, a atreverse a escoitar o seu canto, non sen antes tomar as medidas oportunas: aos seus remeiros mandoulles tapar os oídos con cera para que non puidesen escoitar os fermosos cantos que tan fantásticos seres emitían. Por outro lado, como el si quería escoitalos, pero estaba advertido de tal perigo pola deusa Circe, pediulles aos mariñeiros que o amarrasen ao mastro do navío e deulles orde tamén de que, se levado polo engano das sereas pedía ser liberado, os mariñeiros debían amarralo máis forte ao pau. 
A día de hoxe as sereas están algo cambiadas, veñen a nós con outras imaxes, pero seguen existindo. E seguen engaiolando cos seus fantásticos cantos persoas inocentes que se convencen de supostas marabillas que no fondo agochan unha trampa moi perigosa.
É obvio que en Vilagarcía de Arousa temos un problema moi serio de falta xeralizada de traballo e que este problema é especialmente grave para a xente máis nova. Nin é asunto que sexa de recente aparición nin probablemente, por desgraza, sexa moi rápido de amañar. As cousas veñen como veñen e -digamos que por culpa da crise, desaceleración, estafa, ou como lle queiramos chamar- a situación é a que é e hai que roela. Desde ese punto de partida non se pode menos que celebrar a aparición de plataformas que reclamen un aumento dos postos de traballo, pois é unha loita na que todas e todos nos debemos implicar, cadaquén desde o lugar que lle corresponda. Algúns e algunhas temos que traballar nese sentido desde a responsabilidade que se nos esixe como representantes da cidadanía de Vilagarcía de Arousa e así o facemos, como compromiso ademais adquirido precisamente coa cidadanía no programa electoral co que concorremos a unhas eleccións nas que o pobo decidiu que formásemos parte desta Corporación Municipal. Celebramos, como digo, a aparición de plataformas que reclamen traballo e facémonos eco da súa chamada, como non podía ser doutro xeito.
Así as cousas, o Grupo Municipal de Somos Maioría está disposto a dialogar sobre a situación laboral con calquera plataforma que loite contra o problema do paro en Vilagarcía de Arousa, pero en ningún momento vai esquecer o compromiso adquirido coas asociacións de comerciantes, de hostalería, etc. Hai que ter moi presente que estes sectores supoñen para a nosa vila un factor moi importante na creación e no mantemento dunha porcentaxe moi alta de postos de traballo. Fixémolo desde o comezo e así o imos seguir facendo. E este compromiso non é compatible coa defensa de áreas comerciais que supoñen un claro ataque contra o comercio tradicional.
Loitar contra o paro? Por suposto! Dialogar con plataformas que están precisamente nesa loita? Claro que si! O que non compartimos é que o establecemento dunha área comercial nos terreos onde estivo situada Megasa vaia ser unha solución á terrible situación laboral que sufrimos nestas terras. Non temos nin a máis mínima das intencións de cambiar postos de traballo estables, asentados nunha rede de pequeno comercio de demostrado funcionamento nesta vila -e noutras moitas- por uns traballos temporais dependentes dunha gran firma comercial, pois coñecido é o tipo de contratos se fan nesta clase de grandes empresas, que chegan cos seus cantos de serea engaiolando e convencendo. O barco do traballo en Vilagarcía de Arousa ten un rumbo marcado co que nós estamos de acordo; hai dificultades e hai que loitar contra elas, pero desde logo, botarse ao mar perseguindo quimeras é algo moi perigoso e as consecuencias poden ser terribles...  
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

CANTOS DE SEREA

Te puede interesar