O CONCELLO E A LINGUA GALEGA: XA NON CHEGA CON USALA!

C   oido, se mal non lembro, que non é a primeira vez que falo neste mesmo medio do modo de vida habitual que temos os galegos e as galegas. E hoxe toca volvelo facer, porque hai tempo que veño remoendo na cabeza a idea sobre o desprezo ou, polo menos, sobre o pouco aprecio que se lle amosa neste país ao noso idioma. 
Nos últimos tempos, o abandono da lingua galega está pasando de ser preocupante a ser directamente alarmante. Nos medios de comunicación, tanto falados coma escritos, o idioma galego vai esmorecendo pouco a pouco debido xa non só a que se emprega cada vez en menos ocasións, senón que ademais o seu uso non se coida, non supón nin o máis mínimo punto de interese para moita xente que si, poida que o empregue, pero en moitos casos de xeito practicamente residual, porque non lle queda outro remedio ou simplemente porque non considera que deba coidalo.
Sempre haberá quen se xustifique na famosa andrómena esa do “bilingüismo harmónico”, pero non caiamos no erro de pensar que a situación do galego fronte á do castelán se achega nin de lonxe a ese estado. O que temos en todo o país -e que por desgraza en Vilagarcía de Arousa está gravemente acentuado- é un exemplo claro do que un lingüista apelidado Ferguson cuñou no ano 1958 como “Diglosia”, isto é, dito en poucas palabras, o encontro de dúas linguas nunha situación de desigualdade na que unha delas pouco a pouco lle vai comendo terreo á outra. E non, precisamente non é a galega a lingua forte no noso caso...
E aí é onde entra en xogo o que comentaba antes sobre o “modus vivendi” habitual das galegas e dos galegos, pois nunha boa parte da clase política local temos ese problema: vontade de empregar o galego igual a hai -que non sempre e por parte de todas e de todos, todo sexa dito- pero un mínimo interese por coidalo tampouco non é que se lle vexa a todo o mundo, se lles son sincero.  E se concretamos aínda máis, non se afasta moito desta tendencia descendente o emprego do idioma galego no Concello de Vilagarcía.  Este feito, ademais de pasar como dixen antes de preocupante a alarmante, se cadra ten un significado que aínda empeora a situación, pois estamos a falar, miñas donas e meus señores, de que as persoas que formamos parte da institución máis achegada á cidadanía non sempre nos preocupamos -e tamén me inclúo por aquilo de non guindar a primeira pedra sen estar libre de pecado- por coidar a bandeira máis importante dunha cultura, como é o seu idioma. Si, non se pode negar que hai un uso evidente da lingua, pero a estas alturas, con varias décadas enriba xa desde que se aprobou a primeira Lei de Normalización Lingüística do galego, pasados xa tantos anos desde que é materia de ensino, non está de máis ir pensando xa en que non chega con empregar a lingua propia do país, senón que hai que coidar o seu uso.
Nestes tempos, nunha institución pública xa non se pode pedir simplemente que se empregue o noso idioma; chegado este punto todas e todos debemos facer un esforzo por coidalo, por dar exemplo na cidadanía, en primeiro lugar porque -non o esquezamos- somos as e os seus representantes e como tales temos a obriga de coidar máis ca ninguén a lingua que empregamos.  Neste sentido, sería interesante facer un estudo sobre a vontade de mellorar no uso habitual do inglés ou do alemán- por poñer un par de exemplos-, se fosen linguas vehiculares no Concello. Case me atrevería a apostar algo a que habería quen non perdería un minuto en poñerse a estudar para mellorar o seu nivel de dominio. Pero non, para o galego semella que non temos esa premura e así nos vai. Chega con fixarse nas declaracións de moitas e de moitos políticos locais, que cando empregan o galego non se preocupan nin un chisco por mellorar no seu uso. Remoamos esa idea na cabeza e actuemos en consecuencia; o galego hánolo agradecer.  
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

O CONCELLO E A LINGUA GALEGA: XA NON CHEGA CON USALA!

Te puede interesar