Coreografías de palleiro

S eguen baixando revoltas as augas da política municipal na recta final deste ano 2015. Ou dito doutro xeito: baixan con máis do mesmo. As dúas forzas con maior representación na Corporación continúan coa súa continua danza de vaivén, con ese baile descompasado e ridículo que non segue ningunha melodía lóxica nin un ritmo que permita, cando menos, saber se o que pretenden danzar é un valse, un tango ou unha muiñeira... 
Por unha banda participa neste esgotador certame de baile o equipo socialista, presumindo do seu bo facer, da innovación na danza, cuns xiros no aire que poden resultar fascinantes nun primeiro momento, pero que no fondo, de tanto dar voltas e voltas acaban por marear. E pola outra banda, compite a formación do danzante popular con todo o convencemento de que sabe moverse mellor ca ninguén ou, cando menos, moverse coma ninguén cos pés no chan, pero a quen a súa parella nesta danza non lle deixa levar o ritmo como quixera; non lle deixa sequera poñer un pé en firme. Pero a música segue... 
Pouco importa a estas alturas se a canción que teñen de fondo, desafinada e falta de harmonía, se chama pacto, acordo, matrimonio de conveniencia ou contubernio... Pouco nos interesa xa se o baile comezou como unha danza de cortexo entre socialistas e populares para poder sacar adiante unhas propostas económicas das que ambos equipos saíron beneficiados. Menos interesan aínda as acusacións de que no baile o danzante socialista esqueceu as normas acordadas e que non lle deixa ao seu compañeiro marcar ritmo nin melodía e deixar de ser todo o popular que puido ser. Porque si, agora o bailador popular, antigo campión de baile, desterrado do seu trono, coma un amante doído, airea aos catro ventos o contrato marital que servía de norma para esta danza macabra, chorando polas esquinas dunha pista de baile na que o piso, acabadiño de estrear, xa non se está coidando como se debera. 
Pero mentres proseguen os xiros, cada vez máis acelerados e cada vez máis perigosos, o público, a xente de Vilagarcía de Arousa, a quen nos fixeron pagar -e non pouco precisamente- pola entrada a este espectáculo, ímonos fartando xa de bailes absurdos e, sobre todo, de que na torpeza destes danzantes, sexa a nós a quen  non deixen de nos pisar os pés en todo momento. 
Non se sabe moi ben se un dos bailadores, como diría a copla, no medio do baile vai deixar quedar o outro. Sincera e humildemente, teño as miñas dúbidas, porque non lles compensa a uns nin aos outros. O que si teño claro é que, non no medio, senón á marxe, a quen nos deixaron quedar foi ás cidadás e aos cidadáns, inocentes vítimas do seu ir e vir descompasado; deixáronnos quedar entre penosas viravoltas arredor dunha restauración e dunha reubicación -todo ben caro e pagado por quen sempre acaba apandando, iso que non lle pase por alto a ninguén- dunha, digamos, columna de pedra; como de pedra son tamén as escaleiras dunha Praza do Mercado que volve ser causa de conflito entre os bailadores, que se acusan mutuamente dos malos pasos e xiros nesta absurda coreografía de palleiro. De pedra queda pois a cidadanía, convidada a un espectáculo no que, coma á persoa máis fea, os danzantes pretenden mantela fóra da pista, mentres continúan loitando polo premio, coma naquela frenética película de Sidney Pollack. Pois iso: vós “Danzade, danzade, malditos”, que a noite -tamén para nós de pedra- acaba de comezar, mais por sorte desta volta non ha ser tan longa... 
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

Coreografías de palleiro

Te puede interesar