DERRETER A NEVE

P   ro, por veces, brinca o solciño raiolán, dunha lembranza de xuventú, e nalgún logar derrete a neve, i é coma si na soedade do mundo un pasaxeiro descoñecido alcendese unha pequena fogueira, e ti vas e por unha hora arrequéntaste a ela... ¡Memorias, memorias, memorias!”.
Así dicía Felipe de Amancia, o famoso servente dun Mago Merlín que estaba de retiro nunha Miranda fantástica -en todos os sentidos da palabra- xurdida no maxín do que para min é un mestre entre os mestres da nosa literatura,  Álvaro Cunqueiro. E así, como digo, falaba Don Álvaro por boca dun Felipe de Amancia que, como el mesmo se definía, ía xa “vello e anugallado” no final da novela que marcou un fito literario e mesmo histórico na historia do noso país, Merlín e Familia.
E nestas lles ando eu hoxe, non se pode dicir que con gana de derreter a neve  -porque á beira do mar rara vez nos visita- pero si con gana escorrentar o frío para irme adaptando xa a un tempo no que comezan a verse algúns “brotes verdes”, que dicía o outro... Porque si, efectivamente, fóra do puramente botánico do asunto, e para entrar xa en materia, tamén hai quen comeza a ver brotes verdes noutros sentidos.
Nestes días fríos e húmidos, senta moi ben arrequentarse a unha pequena fogueira e aínda que sexa unicamente de xeito metafórico, derreter a neve, esquecer guerras propias e alleas e gozar de imaxes que alegran realmente a vista; imaxes de boas xentes que loitan -e gañan- día a día contra unhas situacións económicas duras, contra inxustizas de todo tipo nagúns casos, pero unhas xentes que saen adiante traballando ilusionadas nun proxecto do que sen dúbida podemos presumir en Vilagarcía de Arousa. Estoume referindo ás mulleres e aos homes que, ao abeiro da Asociación Arousa Solidaria, cultivan a terra, crían animais, etc. e teñen, grazas ao magnífico labor desta asociación, un futuro ao que mirar de fronte. E iso, amigas e amigos, hoxe en día, tal e como están as cousas, non é pouco.
Son moitas as persoas, familias enteiras mesmo, que traballan con ilusión no proxecto solidario desta asociación, que cultivan con agarimo unhas terras cedidas para a súa explotación e da que extraen moito máis ca uns produtos excelentes. Nesas terras atopan tamén a ilusión por un labor ben realizado, polo traballo en equipo, nalgún caso mesmo dan cos ánimos que deixaran atrás por causas moi diversas. Ilusiónanse, en definitiva, e pódenme crer cando lles digo que ilusionan aos demais.
Hoxe non teño gana de andarme con liortas orzamentarias, de meterme en batallas políticas sobre a conveniencia ou non do establecemento de áreas comerciais... Non me apetece, sinceramente. Hoxe prefiro deixar aparcados eses temas, cousa que de cando en cando non vén mal, e dirixir a mirada cara a asuntos máis gratificantes como o desa ilusión dos homes e das mulleres que traballan en Arousa Solidaria; e non unicamente daqueles e aquelas ás que axuda este proxecto, senón tamén da ilusión coa que loitan as persoas que coordinan o mesmo.  Chega con verlles a cara e como se lles enche o peito de orgullo cando falan de como vai funcionando todo.
É moi de agradecer a existencia e o traballo que realizan asociacións como Arousa Solidaria e quixera aproveitar esta ventá que nos abre o Diario cada semana para enviarlles moreas de ánimos para continuar o seu labor, que repito que é un orgullo para esta nosa vila, á que convido a asomarse de cando en cando a proxectos coma este, porque son esa pequena fogueira que derrete a neve da que falaba Cunqueiro. Achéguense, arrequéntense e ilusiónense. Asegúrolles que lles ha sentar ben facelo..  
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

DERRETER A NEVE

Te puede interesar