Díxolle o pote ao caldeiro

C   oñecen o conto, non? Na lareira, o pote, queimado e cheo de borralla, negro coma a noite, recrimínalle ao caldeiro -queimado e cheo de borralla, negro coma a noite-: Bótate para alá, que me lixas!
Esta frase, que sen dúbida é unha desas ás que tanto se recorre como mostra da retranca galega, emprégase para deixar en evidencia a persoa que acusa erros alleos sen decatarse -ou decatándose pero negándoo- de que os comete ela mesma.
Está moi ben iso de esixirlle ao Goberno Local actual -ou polo menos a certos membros do mesmo- unha comparecencia pública para daren conta dos investimentos que realiza a Deputación de Pontevedra en Vilagarcía de Arousa para os departamentos que coordinan. E iso está moi ben, porque facelo, expoñerse ás preguntas dos membros da corporación, ou o que é o mesmo, das e dos representantes das veciñas e dos veciños, debera ser práctica habitual en calquera administración pública. Moito se lles enche a boca a algúns e a algunhas falando da transparencia; moito lles gusta empregar esa palabra para presumir de “outras maneiras de facer política” e diferenciarse de xestións anteriores. Pois que se apliquen, non?
Haberá quen baixo a sombra dunha gaivota voadora evoque as famosas Coplas de Jorge Manrique e diga que calquera tempo pasado -vaia, calquera non, só os catro anos da lexislatura previa a esta...- foi mellor. Haberá tamén quen baixo o amparo dunha rosa -que, por certo, noutrora estaba agarrada por unha man esquerda- negue tal afirmación e diga que coma o que temos agora nunca tal houbo. E despois, á parte desas liortas, estamos tamén aquelas e aqueles que preferimos evocar a Les Luthiers e quedar coa máxima de que, simplemente, “calquera tempo pasado... foi anterior”. E iso, ademais dunha xenialidade deses mestres do humor, é algo innegable.
Pero fóra de brincadeiras, a cousa non se pode dicir que soe a broma, porque no fondo o asunto é moi serio, que estamos a falar de transparencia na xestión de diñeiros públicos, pero si ten un certo punto de graza. O Partido Popular de Vilagarcía de Arousa asume o rol de defensor da transparencia -rol que ninguén lle pediu que asumise, todo sexa dito- e acusa o Partido Socialista de falta de transparencia -Si, é certo, xa outros o fixemos antes...- á hora de facer públicos os números e as contas dos diñeiros que recibe da Deputación de Pontevedra...
E que lle queren? Repito que non é un asunto de broma, senón ao contrario, porque calquera medida que inste a un goberno, local ou da índole que sexa, a aumentar a intensidade da luz para ver os números de todos e de todas é algo que se recibe de xeito positivo. 
Pero un servidor, que antes de dedicarse a esta nobre arte do servizo público xa tiña o costume -penso que moi san, por certo- de lles botar un ollo ás noticias sobre as liortas políticas municipais, lembra -e aí están as hemerotecas para confirmar este tipo de cousas- que nalgunha ocasión estiveron os papeis mudados e era o goberno do Partido Popular quen non estaba precisamente moi de acordo con esas comparecencias que agora reclama.
E aí é onde a sabia e sempre tan rica fraseoloxía galega entra en xogo para tratar este tema, pois falou o pote para dicirlle ao caldeiro que non se lle achegase, que o ía lixar, pero o pote está... digamos... algo borrallento polos fumes da lareira e claro... xa se sabe...  
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

Díxolle o pote ao caldeiro

Te puede interesar