ERRARE HUMANUM EST

D   ebo confesar unha cousa: por veces resulta algo complicado atopar un tema realmente interesante no que estibar ben este feixe de palabras de cada semana, de abrir como se debe esta ventá desde a que nos invitan a asomarnos no Diario. Pero non deixa de ter o seu punto simpático o asunto, pois aquí un servidor é dos que non calan nin debaixo da auga. E claro, cando se fala tanto é normal cometer algúns erros. E ante casos así, con todo o sentido da humildade, a un non lle queda outra que baixar as orellas, tragar o orgullo coma quen traga bile e entoar o “mea culpa” despois de botar a lingua a pacer con tamaña ousadía... Pero vaia, por aquilo de que non hai mal que por ben non veña, logo dos erros cometidos -que agardo que non sexan imperdoables- xa hai motivo para poñer o negro sobre o branco e ir ordenando as palabras, que hoxe só poden ser de desculpa.
Así as cousas, reitero que humildemente, confeso o meu craso erro e asumo toda a culpa por falar desde a ignorancia máis absoluta. Como puiden caer niso? Vergonza me debera dar non coñecer a fisionomía das aves costeiras ata o punto de non apreciar nun logotipo elaborado ao detalle coma o do Partido Popular as evidentes diferenzas que hai entre unha gaivota e un carrán. Si, en galego carrán; charrán en castelán, na segunda acepción recollida no Diccionario de la Real Academia Española de la Lengua. Ten a súa graza tamén este asunto, pois o vocábulo “charrán”, na primeira das acepcións que contempla o citado dicionario, isto é, a que supostamente é máis destacable, vén dicindo -e cito literalmente- “charrán 1: adj. Pillo, tunante.”  Cousas da lingua cervantina. En fin, en galego, como digo, carrán, tamén chamado pirrí. Sterna Albifrons para xentes doutas na materia, que hai moitas, mais non é o meu caso. Quedoume claro: gaivota non, carrán, como ben sabía xa todo o mundo.
Pero sigo coa confesión. Hai outro erro que debo asumir e polo que mesmo debo ser duramente castigado se fose necesario. Como puiden sacar unha Licenciatura en Filoloxía Galega e non saber o que significa o prefixo latino pluri-? Que clase de ensinanzas obtiven durante o meu paso pola Universidade? Home, por favor! Merezo o desterro, o encadeamento, a forca...
Non, a ver, fóra bromas! De veras que é iso o único que se lle ocorre ao voceiro do Partido Popular para criticar a este seu compañeiro de corporación? De verdade que pretende dicirlle ao público que o Grupo Municipal de Somos Maioría non apoiou unha moción do Partido Popular por non entender o significado do vocábulo “plurianual”? En serio? Cómpre explicar iso? Non, home, non! Se non seu día Somos Maioría non apoiou a moción do PP sobre un plan plurianual foi polo medo -case pavor se me apuran- que por tradición provocan eses binomios PP-plans plurianuais que -como se explicou no seu día no pleno- cheiran a amiguismos e concesións estrañas. Pero xustificouse, non se gardou silencio, para optar pola abstención. Si, home, si, o prefixo pluri- non garda segredos para case ninguén.
Remato xa, que se non igual hai quen di que lanzo demasiados dardos, pero cunha intención ben clara, que é a de seguir con vontade de aprender para mellorar. En efecto, van moitos meses desde que se formou a Corporación Municipal e a min acúsaseme de seguir levando ás costas o L de condutor novel. Pois saben que lles digo? Que ese L, esa marca de novato na política vén sendo unha declaración de intencións, as intencións de quen non vai negar a súa menor experiencia, a intención de quen sabe recoñecer que pode cometer erros, a intención de quen está e vai seguir estando en disposición de aprender de quen leva moitos máis anos, mesmo de quen obtivo unha representación que multiplica por sete a do grupo do que eu son voceiro e si, efectivamente, único membro. Pero saben? De todas as persoas coas que comparto responsabilidades políticas, de todas, está claro que vou aprender. E de quen foi merecedor de gobernar durante catro anos seguramente hei aprender moitas e non me ha ferver o sangue por recoñecelo. Discutiremos cordialmente, intercambiaremos coñecementos -ornitolóxicos e lingüísticos-, pero ollo, que tamén hei aprender o xeito de como non se deben facer as cousas. Non pasa nada, errare humanum est.
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

ERRARE HUMANUM EST

Te puede interesar