Un home tranquilo, un home sabio

Seica temos cambio na Corporación Municipal. O compañeiro Xabier Ríos deixa a súa función de representante público neste mandato que vai achegándose xa á súa recta final. Longa aínda, pero recta final. Habémolo botar de menos. Váisenos un home pousado, un home tranquilo, de poucas palabras pero de fondo significado nas mesmas, un compañeiro ao que lle envexo a súa paciencia, a súa calma para facer as cousas. 
Váisenos -e descúlpame, amigo Xabier, aínda que sei que che fai graza o chiste- o Cónsul do Parque da Coca, que tanto defendeu durante todos os anos nos que formou parte da Corporación e polo que de seguro ha seguir loitando. Ese é un exemplo perfecto do carácter do bo de Xabier: defende as súas ideas e a súa vontade de mellorar as cousas con esa calma que o caracteriza, pero sen perder de vista o seu obxectivo. Como se adoita dicir, pouco a pouco, andando sempre…
Deixa o Concello de Vilagarcía de Arousa, o órgano de representación da vila que o acolleu hai tantos anos, pero polo que manifesta, non deixa a política local e vai seguir na loita, aínda que non de xeito tan directo -como representante- pero si como representado. Iso, desde o meu humilde punto de vista, é moi bo. Fan falta moitos Xabieres nesta vila.
Compartín con Xabier Ríos tres anos e medio estupendos. Concordamos en moitas cousas e aínda que diferimos noutras, cousa normal en política, sempre o fixemos desde o respecto mutuo. Mesmo debo recoñecer que me fixo graza a súa crítica ao famoso “café con vistas ao mar” de Jesús López, Tomás Fole e un servidor. Fíxome graza, aínda que nin lle dei a razón no seu momento nin lla dou agora no fondo daquela cuestión. Iso é innegable: sorna ten para exportar…
Pero dentro do malo que ten a marcha dun bo compañeiro, hai que ter en conta tamén todo o bo da chegada doutro. Déixanos Xabier, únesenos Xosé Lois. Marcha Ríos e vén Leirós.
Chega para completar este ciclo 2015-2019 outro home bo, un home de permanente sorriso e sabias palabras, un -e isto non deixa de ser anécdota persoal pero recoméndollo a quen queira recibir o consello- excelente compañeiro de mesa e tertulia, onde se poden aprender moitas cousas, as boas e as malas, das vivencias de quen botou moitos anos lonxe da súa terra. Emigrou hai moito tempo, pero volveu cun bo saco de experiencias para que outras e outros poidamos aprender delas. 
Súmase a esta Corporación Municipal un veterán e iso é algo moi positivo, pois ‑e permíteme, admirado Xosé Lois, tamén un chiste- sabe máis o Demo por vello do que sabe por Demo… 
O dito, temos cambio de compañeiro nunha das forzas que formamos a representación cidadá ata maio do ano que vén, e non quixera eu deixar que marchase un sen amosar de xeito público a admiración e o cariño que lle teño, nin deixar entrar ao outro sen facer pública a miña ledicia pola súa chegada. Ao primeiro espero poder acompañar en moitas das súas loitas aínda que sexa con puntos de vista distintos; ao segundo, ademais diso, pídolle que nunca perda ese sorriso pícaro.
A Ríos agradézolle a súa paciencia e perseveranza, a Leirós a súa agradable e sabia conversa. Marcha un home tranquilo e entra un home sabio. 
Ata a próxima, Xabier!  Benvido, Xosé Lois!

Un home tranquilo, un home sabio

Te puede interesar