INVENTAR A PÓLVORA

P   asou a sesión plenaria de abril, aprazada de común acordo por motivos obvios, e despois da calma volveu a tempestade ao salón de plenos. Vaia, tanto como tempestade non se pode dicir, pero si un trebonciño pequeno que pasou sen deixar danos pola Casa de todas e de todos. Que o sangue non chegou ao río, en resumo...
Logo de que no mes de marzo se aprobase polo voto unánime de todos os grupos municipais a solicitude de comparecencia de dúas concelleiras e de dous concelleiros do grupo de goberno, comparecencias que se fixeron efectivas na sesión celebrada o pasado luns, o Partido Popular de Vilagarcía quixo ir máis alá e presentou unha moción que pretendía “institucionalizar as sesións de control”, ou dito doutro xeito, establecer un mecanismo para que, entre outras cousas, as comparecencias coma as que tiveron lugar o luns se realizasen nunha sesión plenaria de carácter ordinario e mensual. E que pasou? Pois que foi o Partido Popular a única forza política que votou favorablemente esa proposta.
Desde logo, vaia por diante que este grupo non comparte a afirmación que fixo a voceira do grupo socialista no pleno, e na que aseverou que “o Partido Popular de Vilagarcía non está lexitimado para esixirlle transparencia a ninguén”. Entendemos o que quixo dicir, entendémolo perfectamente, pero as palabras hainas que medir un chisquiño antes de enuncialas, porque poden ser perigosas. Calquera forza da oposición nesta Corporación, calquera, exercese noutrora funcións de goberno ou non, cometese erros ou non, está lexitimada para esixirlle ao goberno actual que faga as cousas polo dereito, pois a lexitimidade déronllela miles de votos hai case un ano e é desde ese momento no que hai que controlar -fiscalizar se prefiren estoutro termo- o traballo do equipo que ten o mando. A lexitimización ou deslexitimización non a dá o pasado. Pero esa é outra guerra, que do que estamos a falar é da moción que presentou o Partido Popular e que non contou co voto favorable de ningunha das outras forzas políticas. Moción lexítima? Por suposto! Moción útil? Pois sinceramente, non o vemos así...
E non o vemos así porque o propio informe que se emitiu desde a Secretaría do Concello xa di claramente que no regulamento actual segundo o que se debe rexer o desenvolvemento dos plenos -e que, non esquezamos, foi un regulamento aprobado hai catro anos durante o mandato do Partido Popular- xa existen medidas de control suficientes e efectivas para que todas as forzas da oposición poidamos fiscalizar o labor do goberno: comparecencias, interpelacións, etc.
Somos Maioría avogou sempre polo aforro económico e así o vai seguir facendo. A realización dun novo pleno ordinario á parte do mensual, por moito que as concelleiras e os concelleiros renunciásemos voluntariamente ao seu cobro, supón un gasto para as arcas municipais e a cousa non está como para que desde as institucións públicas andemos tirando cartos porque si; de aí a razón primeira da nosa negativa. Á parte diso, existen xa as medidas de control e de feito tomouse unha delas nesta pasada sesión e, saben? Sen que lle custase un céntimo máis á cidadanía. 
Está moi ben pretender abandeirar a transparencia. Ao noso grupo, sinceramente, mentres esta transparencia exista, dálle igual quen exerza o labor de abandeirala, pero o que non imos consentir é un gasto innecesario porque alguén queira impoñerse a medalla por facelo.
Podemos coller sal, carbón e xofre e facer unha mestura con todo iso. Se acertamos coas proporcións e temos un chisquiño de habilidade coa alquimia habemos chegar a facer pólvora. Agora ben, o que non podemos -ou non debemos, vaia...- é presumir de inventala, porque leva moitos anos inventada xa...  
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

INVENTAR A PÓLVORA

Te puede interesar