Joaquín Canto García “Kike”, in memoriam

É hoxe un deses días nos que se fai moi complicado ordenar as ideas e moito máis aínda facelas palabra.
Onte fóisenos o Adestrador, así, con maiúscula, Joaquín Canto García, Kike para amigos e achegados. Kike para tantas e tantas persoas que nesta Vilagarcía de Arousa que el tanto quería tivemos a inmensa sorte de percorrer parte do noso camiño canda el.
Deixounos, como digo, o persoa que tanto fixo polo deporte nesta súa vila, sempre co seu irmán José, a outra peza dese binomio de auténticos titáns que eran, que sempre serán, os Irmáns Canto, unha mostra adorable de nenos dunha familia traballadora que loitou en tempos pasados -que non sempre son mellores, por moito que o diga o poeta- por vivir e por axudar a sobrevivir a tanta xente no seu amado barrio do Castro cando guerras, posguerras e ditaduras facían estragos...
Marchou unha autoridade na historia do deporte vilagarcián. Desde as primeiras brazadas nas augas do Cavadelo, daquelas sesións de halterofilia nas que chegaban a mover ata corenta toneladas de ferro, dun ferro que hoxe quizais xa non é tan duro e mesmo solta unha lágrima... Un pioneiro do baloncesto cando non había nin medios nin infraestrutura, promotor do balonmán, do atletismo, do submarinismo...
Despois viñeron as épocas de formación deportiva e persoal de varias xeracións que aprendemos con el a amar o deporte e sobre todo, a ser mellores persoas... Porque iso é algo que caracterizaba as ensinanzas de Kike: o deporte, fose cal fose, era un xeito de empatizar cos demais, de unir, de divertir e de crear bo ambiente, competición en amizade, ilusión por mellorar... Unha ilusión parella á que el tiña por ensinar canto sabía, que non era pouco. Aos seus sete saberes deportivos sumouse tamén o seu bo facer coa madeira, outra das súas paixóns, herdada do mestre e amigo Antón Rivas Briones, e que lle enchía moitas horas das poucas que para alguén como Kike Canto teñen os días, pois xente así ben merecería que cada xornada tivese máis duración para poder facer máis cousas...
Vilagarcía de Arousa queda orfa dun pai deportivo, queda sen unha desas persoas que lograron que a nosa vila hoxe poida presumir de campioas e de campións, de equipos grandes e deportistas de recoñecemento internacional. Quedamos sen a súa presenza, pero nunca poderemos esquecer a súa entrega aos demais.
A nosa vila chora o pasamento de quen o deu todo polo deporte durante a súa vida, por practicalo e por ensinalo, por fomentalo e por gozalo...
Este que aquí escribe, e que pecha agora feixe de palabras mal ordenadas e regadas con lágrimas perde, ademais dun adestrador, un partícipe de risas, un mestre, un compañeiro...
Ata sempre, Kike! Ata sempre, amigo!

Joaquín Canto García “Kike”, in memoriam

Te puede interesar