Mutacións xenéticas

S   íntoo. Así, de inicio. Síntoo moito. Resulta triste ter que pedir desculpas nada máis comezar, pero é o que hai, a cousa está así. Porque un, que pretende buscar a orixinalidade as máis das veces posibles, vese na triste obriga de volver sobre un tema que fixo correr riadas de tinta en non poucas ocasións neste foro e que -por desgraza- semella que o vai seguir facendo no futuro. Porque si, é verdade que o asunto xa cheira algo -por non dicir que fede- pero a importancia que ten non permite deixalo pasar sen máis e, non sen medo a que poida resultar pesado, ou cando menos repetitivo, hai que volver sobre el. 
Hai tempo xa que é sorprendente o pouco respecto que lle demostra ter o goberno local á súa propia palabra, ao seu sentido do compromiso. O que prometía ser o goberno paladín da participación, á primeira oportunidade que se lle presenta opta por incumprir manifestamente o prometido, que din que é débeda. E que queren que lles conte? Quedarlle a deber á cidadanía é bastante feo, a verdade. Porque foi  precisamente a cidadanía a que decidiu que o proxecto de quen hoxe patronea este barco municipal era o que merecía máis apoios para conseguir desenvolver esa función. Cousa ben distinta a estas alturas é que tal merecemento se vexa correspondido nas accións de manobra do buque, que en realidade parece que anda ao garete.
Ese é o fondo, porque a onde pretendo chegar é a que o problema está tamén nas formas, das que un servidor -e non é o único- vai realmente farto. Farto de ver como xa nin se respectan pleno tras pleno unhas normas de educación mínimas, farto de ver que mentres nos toca falar aos voceiros dos grupos da oposición, algúns membros do goberno socialist... do goberno do PSOE, quero dicir, estanse mofando durante as  intervencións. Farto de risas irrespectuosas, farto de comentarios borboriñados ao oído de quen se ten ao lado, farto mesmo de que o medio de comunicación do Concello se empregue para, literalmente, acusarnos a outros grupos políticos de dicir unha cousa e facer outra, acusación que, por certo, lembra unha famosa frase popular: “Díxolle o pote ao caldeiro...”.
Un pouco de respecto pola xente, si? Se non queren nin seguir as ideas propias, alá cadaquén, pero ao resto que nos respecten. A ver, en realidade a falta de educación cara a este que subscribe, sinceramente, impórtame ben pouco -estou moi por riba dos asuntos persoais- pero as señoras e os señores que forman o goberno local xa van indo no tempo de decatarse de que a quen lles están faltando é ás miles de persoas que nos puxeron aí confiándonos os seus votos. E por aí non imos pasar, miren. Pero non queda a cousa así, nin moito menos. Aquí seica está de moda apagar os incencios con gasolina, porque se todo o dito non fose suficientemente insultante en por si, agora resulta que aínda temos que aguantar que se nos fagan “ofertas” de máis liberacións nas forzas da oposición, que nos sumemos ao arquifamoso “pacto de cidade”, ese no que o Partido Popular e o Partido Socialista acordaran certos puntos programáticos que se acabaron convertendo nunha guerra particular -unha delas, vaia- entre as dúas forzas maioritarias da Corporación. De verdade? Estannos ofrecendo en serio que nos acollamos todos os outros grupos ás liberacións “para traballar por Vilagarcía”? Pero de que raio vai todo isto? Agora non o estamos facendo, ou? Ata aquí podiamos chegar! Máis insultos non! 
Non sei, derivado da información que fun recibindo durante anos, eu tiña outro concepto de socialismo ben diferente do que parece que ten o PSOE local, pero vaia, igual é que sufriron algunha mutación nese famoso “ADN socialista” do que tanto presumen, ese co que tanto lles gusta encher a boca. Fágano mirar.  
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

Mutacións xenéticas

Te puede interesar