RECORTES QUE MATAN, SORRISOS QUE CURAN...

N   on é a primeira vez que se comenta nesta sección o asunto dos recortes na sanidade pública. E é de imaxinar que, por desgraza, tampouco ha ser a última, pois a tesoira segue tallando cada vez máis e máis a un ritmo vertixinoso sen que se faga moito por mellorar a situación por parte da administración “competente”. Si, as comiñas levan carga de profundidade... 
Lembrarán que hai semanas transmitinlles o caso que me comentara unha rapaza que tiña un familiar ingresado no Hospital do Salnés e que sufrira de maneira directa o resultado da aplicación dos recortes nos servizos sanitarios por parte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Si, estupendo, en San Caetano no canto de chamarlles recortes chamaranlles “reaxustes no orzamento” ou algunha trapallada polo estilo e haberá quen llelo crea, pero non serei eu quen o faga. Os eufemismos para a literatura; en todo o tocante á saúde, ás cousas hailles que chamar polo seu nome e deixalo ben clariño: re-cor-tes. 
E un, que por circunstancias que non vén ao caso explicar aquí, nas últimas semanas tivo que pasar moitas horas nese mesmo hospital, puido comprobar que o que hai días lles describía polo miúdo non se afasta nin un chisco da situación real que teñen que sufrir cada día as persoas ingresadas nese centro hospitalario. Vaia, as persoas ingresadas, os membros das familias que as acompañan e o excelso equipo de profesionais do hospital que desenvolven, aínda nesas condicións, un traballo loable.
É algo obvio que un ingreso hospitalario non é prato do gusto de ninguén, así como tampouco é fácil de levar para quen está alí dentro aínda que só sexa en calidade de acompañante da persoa ingresada. E neste último caso, para matar o tempo -que alí dentro pasa moi despacio- é un exercicio moi recomendable dedicarse á observación das distintas situacións que se poden producir nesas instalacións, pois podemos asistir, por exemplo, á conversa na que dúas enfermeiras comentan que van ter que chamar a outro departamento do hospital para ver se lles poden deixar algunha máscara de un só uso porque, literalmente, “a nós non nos quedan máis que seis e aínda non mandaron máis”, por non falar de camas nas que non poden hospitalizar a ninguén porque, literalmente, chove na habitación. Si, si, como llelo conto.
E ata aquí a parte negativa, pois polo observado, polo vivido, os tiros de hoxe queren ir por outro lado, polo positivo.
Fóra de recortes, fóra de necesidades de persoal, de materiais, resulta alucinante a capacidade de esforzo de toda a boa xente que traballa nos hospitais públicos: doutoras e doutores, equipos de enfermería, auxiliares, conserxes, persoal de limpeza, etc. desvívense polas persoas enfermas dunha maneira digna de admiración. Contra todos os “aforros”, elas e eles responden con esforzo, con profesionalidade, con sufrimento, pero sobre todo, con cariño e con sorrisos.  Iso é algo que non se aprende en ningunha escola nin facultade; con iso hai que nacer.
Oxalá non houbese que seguir protestando polos recortes, polas necesidades de persoal, pola falta de materiais, pero habémolo seguir facendo mentres cumpra, por suposto. Pero á parte diso, tamén é moi bo pensar que nos centros sanitarios hai moitas persoas que redobran esforzos para que a cidadanía non sinta dun xeito tan directo a mala xestión económica de gobernantes sen alma. Hai homes e mulleres que administran medicamentos e curas nunhas condicións que non sempre son   desexables, pero saben que moitas veces, ante a falta de medios, o seu sorriso pode ter uns efectos moi positivos.
Mentres hai quen recorta, tamén hai quen sorrí. Os recortes matan, os sorrisos curan. Criticamos os primeiros, loitamos para que desaparezan, pero hoxe toca agradecer os segundos, de corazón.
                 *Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

RECORTES QUE MATAN, SORRISOS QUE CURAN...

Te puede interesar