O SILENCIO DAS GAIVOTAS

N   on, que non cunda o pánico, que non me confundín e esquecín os cordeiros, non. Hoxe a cousa vai de aves, non de cine...
E vai de aves porque a este merlo que aquí lles fala déronlle unhas ás rotas para que aprendese a voar, coma ao de Paul McCartney, pero aprendeu. Ao principio igual lle custou un pouco coller o dominio das correntes de aire, pero aos poucos, esquivando árbores e edificios, levando algún golpe, iso é innegable, aprendeu a moverse polas alturas. Pero a cousa tampouco vai de voos, senón de silencios.
E o silencio non é algo do que guste o merlo -aínda que para algún signifique pouco a lexitimación de mil cincocentos votos que avalan a súa participación nos plenos da Corporación Municipal- e moito menos cando o que escoita non é xusto, nin respectuoso coa verdade. E ademais, ata onde sabe o merlo, -porque tampouco non esquece que non leva ás costas tantos plenos coma outros e coma outras- pero ten claro que quen se presenta a unhas eleccións e acaba tendo a responsabilidade de participar nas sesións plenarias, faino precisamente para falar, para argumentar, para discutir incluso, sempre baixo unhas normas básicas, iso por descontado. É por isto polo que cando no último pleno se produciron as diferentes intervencións do público, que as houbo, no tocante ao tema do centro comercial nos terreos de Megasa, mentres as persoas que falaron o fixeron con educación, expoñendo os seus argumentos respectuosamente, o merlo non se indignou, pero cando se recorre ás ofensas e aos ataques absurdos en base a inexistentes lobbys controladores como fixo un dos participantes, o silencio non debe ser a resposta. E ata aquí este asunto, esta ruptura do silencio, deste silencio. Non paga a pena volver sobre o tema outra vez.
Pero si houbo outro silencio que rompeu os esquemas de todas e de todos no pleno ordinario de marzo: o silencio do Partido Popular, que se negou a razoar o seu voto contrario á moción de Esquerda Unida-Son para a recuperación da Memoria Histórica, moción que contou co apoio do resto das forzas da Corporación. Pero neste caso, e no doutras mocións que levou ao pleno o mesmo grupo, o Partido Popular calou, pero rompeu a máxima de que quen cala, outorga. Así foi, o equipo Popular calou para non xustificar o seu voto en contra dunha moción que para o resto tiña toda a lóxica, pois en resumo viña pedindo que se esixise o cumprimento dunha lei que leva aprobada máis de oito anos.
Ah, pero claro, o que pedía a moción era que se acabasen de retirar os símbolos pretéritos e resesos que aínda quedan da Ditadura de Franco, que se lle quiten os cargos honoríficos que aínda posúe o ditador ferrolán, que se elimine, en resumo e volvendo ás aves, calquera vestixio da época na que se adornaban as cousas con águias imperiais...
Ai, amigas e amigos, pero as gaivotas, esas aves que tanto abundan nestas costas do finis terrae, e ás que non se lles pode negar a maxestuosidade do seu voo nas máis das veces, o dominio que teñen das correntes de aire que arrastra o mar, raramente quedan caladas. Cando se poñen a berrar non hai quen as pare e os seus agudos e potentes chíos poñen a proba os tímpanos máis rudos. Pero nesta ocasión, á hora de espantar as águias, as gaivotas achantaron e calaron coma petos. 
Non sei, parece que tanta valentía que amosan decote as gaivotas desapareceu de vez á hora de espantar as águias e iso, sinceramente, di pouco e non moi bo sobre a súa valentía. Sorprende, pois por unha vez quedaron as gaivotas caladas, porque polo que parece as águias aínda son quen de telas dominadas. O silencio das gaivotas... 
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

O SILENCIO DAS GAIVOTAS

Te puede interesar