SUPERHEROÍNAS DE VERDADE

D   e cando en cando é moi bo darlles ás cousas un aire distinto, variar a liña habitual para non caer na monotonía. Ese é o propósito que ten neste estraño Mércores de Cinza o feixe de palabras de hoxe: enfocar o mesmo cara a unha finalidade diferente da habitual. Hoxe non toca falar de enfrontamentos; toca deixar de lado as críticas entre partidos, as valoracións orzamentarias, o cruzamento de acusacións... Hoxe é un día tan estupendo coma outro calquera para coller un camiño alternativo, que nos vai levar a unha felicitación. Si, que non se asuste ninguén, hoxe toca felicitar. E axiña se han decatar vostedes de que o motivo é realmente digno de tal acción, porque cando se fan ben as cousas, non sobra destacalas e felicitar a quen as realiza.
Para aclararnos, o asunto hoxe vai de reflexionar sobre unha campaña promovida polo equipo técnico da Concellería da Muller do Concello de Vilagarcía de Arousa e de darlle os parabéns pola mesma, porque realmente é das que fai pensar e sacar conclusións ben interesantes e mesmo poida -oxalá que sexa así- que logre que actuemos en consecuencia.
O que se pretende destacar é a campaña de loita contra os estereotipos sexistas nestas festas do Entroido, unha campaña na que a imaxe principal é a foto dunha muller vestida cun clásico disfrace de heroína de cómic, pero que non amosa nin a máis mínima das intencións de disimulo de converter a muller, unha maldita vez máis, nun obxecto de desexo. Así de forte, pero tristemente actual. 
A imaxe, moi intelixentemente, inclúe a afirmación: “Si, somos superheroínas, pero non estas”. Porque efectivamente, esa clase de superheroínas da que se pretende que fuxamos no Entroido é un intento burdo de comercializar cun dos estereotipos máis repulsivos. Fronte a iso, están as verdadeiras heroínas que desde esta concellería queren destacar, como son todas e cada unha das mulleres que loitan cada día por lograr a igualdade entre sexos; as que bogan contra corrente para realizar o seu traballo en igualdade de condicións cos homes. Si, poida que soe a tópico, pero segue sendo un mal moi estendido: non está lograda a igualdade de xénero entre homes e mulleres. E superheroínas son precisamente calquera desas: as mozas, as señoras, as mulleres “normais”. Superheroínas son as xornalistas, superheroínas son as médicas, as varrendeiras, as avogadas; superheroínas son as caixeiras do supermercado, superheroínas son as enxeñeiras químicas, superheroínas son as mariscadoras, as tenistas que levan o nome de Vilagarcía de Arousa polo mundo adiante, etc. As outras son unha deturpación dunha imaxe necesaria, porque ese tipo de superheroínas e superheroes tamén teñen que existir para alimentar o maxín de nenos e nenas, claro que si, pero sen que iso implique que elas teñan que ir por norma embutidas en vestimentas claramente orientadas a remarcar as súas proporcións físicas por riba de todo. Xa vai sendo hora de superar o maldito clixé: superheroe igual a mazaroco de ximnasio; superheroína igual a muller exhuberante. É tempo de reclamarmos todas e todos outra cousa ben diferente. E nestas festas temos unha oportunidade magnífica para facelo.
É por isto polo que esta felicitación ao equipo da Concellería da Muller que lanza a campaña leva unida unha petición de que nos sumemos á mesma. Este inverno toleirán tróuxonos un Martes de Entroido no que non se puido realizar o clásico desfile, e polo tanto deunos algo máis de tempo para reflexionar sobre todo este asunto ata que Vilagarcía de Arousa se bote á rúa para lucir os seus disfraces dentro duns días. Por suposto que cada persoa é libre de disfrazarse do que queira, pero entre todas, entre todos, podemos dicirlles que non a certas imaxes abominables. Pénseno, que hai tempo para romper con iso. No Entroido, fóra os estereotipos!  
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

SUPERHEROÍNAS DE VERDADE

Te puede interesar