VIDE PEDIR O VOTO, VIDE...

P   oñámonos en situación. Hospital do Salnés, madrugada do venres. Unha rapaza está de acompañante de seu pai, ingresado nunha habitación do terceiro andar do hospital desde hai varios días. 
Este señor, por causa da febre elevada que padece, comeza a delirar e nun ataque de ansiedade -ou algo parecido, que eu non son médico e falo polo que me conta a súa familiar- levántase da cama desesperado porque quere marchar de alí. Na súa fuxida arrastra o soporte dos viais que lle teñen postos en vea para administrar os medicamentos pertinentes para a súa enfermidade e ponse a arrancalos. A rapaza, que non é quen de parar a seu pai, preme o botón de chamada do persoal sanitario para que acudan na súa axuda. E así é. Aparecen unha enfermeira e unha auxiliar, as únicas que hai para todo o andar do hospital; si, si, leron vostedes ben, as únicas que hai para todo ese andar do hospital, onde polo que me contan, esa noite había ingresadas dezanove persoas. Pero non queda aí a cousa, non vaian pensar, porque nesas dezanove persoas ingresadas dependentes de, reitero, unha única enfermeira e unha única auxiliar, hai que incluír as que están en illamento e as que requiren de coidados paliativos. Sumo e sigo.
A enfermeira e a auxiliar veñen cargadas de boa vontade e unha paciencia a proba de bombas, pero son incapaces de controlar o paciente, que inconscientemente segue na súa teima de arrancar as vías e marchar para a casa. Daquela, piden a axuda dunha celadora, a única que hai nese momento para os andares primeiro, segundo e terceiro. E volvo ao mesmo: non leron vostedes mal, neses momentos hai unha única celadora para os tres andares dun hospital que cobre -ou que debía cubrir, vamos- as necesidades sanitarias de centos de miles de persoas. Élles cousa dos recortes, non saben?
Unha vez controlada a situación polas sanitarias, que por fin -non sen problemas- conseguiron calmar o enfermo, pola súa boa vontade e cunha responsabilidade profesional e sobre todo humana digna de mención, decidiron aguantar varias horas máis fóra do seu horario para acompañar a filla do paciente para que se esta se puidese relaxar e puidese saír da habitación a desfacerse dos nervios, da rabia e da indignación que a estaban comendo por dentro ante unha situación surrealista pero desgraciadamente moi habitual no Hospital do Salnés e -coido que non me trabuco- en todos os centros hospitalarios dependentes do Servizo Galego de Saúde da Xunta de Galicia. Si, claro, os recortes...
Despois da tormenta chegou a calma e a nosa protagonista aproveitou para falar coa enfermeira e coa auxiliar -a celadora tivera que saír a escape porque a reclamaban noutro andar do edificio- que lle dixeron que por moito que protestan por estes temas, o caso que lles fan é nulo, porque os recortes económicos priman sobre todo iso... E así nos vai.
Pois ben, esta rapaza narroume polo miúdo este despropósito para que eu o contase alí onde puidese, e así o fago.
Seica cabe a posibilidade de que as eleccións ao Parlamento Galego se adianten a xuño no caso de que as estatais se teñan que volver celebrar, algo bastante probable tal e como pinta a cousa. Pois ben, señores Rajoy e Feijóo, se vedes que tal, pasades por Vilagarcía de Arousa e pedídesnos o voto, si? E deixade algunha papeletiña máis, que xa eu llelas fago chegar ao paciente, á filla, á celadora, á auxiliar e á enfermeira que -entre miles de persoas- sofren cada día os vosos recortes. Vide pedir o voto, vide...  
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

VIDE PEDIR O VOTO, VIDE...

Te puede interesar