A velas vir

o goberno dun estado, chámaselle tamén poder executivo. Ten o simbolismo de que é o encargado de executar e ditar resolucións executorias que saen do lexislativo. O problema chega cando ese poder executivo, nas cuestións de fondo e de Política, non ten capacidade de executar. Ben si ten, mais quen o lidera ten outra forma de actuar ben distinta: “a velas vir” e que outros solucionen a papeleta. Esa foi sempre a actuación do Señor Rajoy, esperar e ser forte.... de feito sabemos que da eses consellos ós amigos íntimos, pensando en que o tempo o soluciona todo e a memoria colectiva é corta. Pero o que non contaba Rajoy é que ás veces o tempo pásache por diante como está a acontecer en Cataluña.
Este tipo de política só necesita un dogma inamovible e Rajoy e o PP, coa complicidade do Partido Socialista de España (que non obreiro) e dos laranxas, atopouno na Constitución Española, que se deixa usar da forma convinte e que ó parecer é moi complicado reformar agás claro está, para o interese do Capital. É certo que a consulta non é legal, non o nego, pero non é menos certo que o mundo avanza e o que era normal en 1978 non o é tanto en 2017 (hoxe as TV son en color e planas) pero non ía ser menos, no tema da Constitución, tamén estamos a velas vir. Gustaríame saber en que lugar da Constitución figura un organismo chamado Troika que marca dende fai anos a política económica do estado español e a vida de moitos de nós.
Coido que o paso por unha Deputación marcou a operatividade do. presidente, esa tranquilidade esa falla de transparencia é cómoda. O que é certo é que pasará a historia de Europa como un político sen altura para o momento, sen capacidade e sen modernidade para ver que a definición da Europa dos estados está rematando co Brexit, con Escocia, con Cataluña, Pais Vasco, Bretaña, Irlanda... e ten que ser tamén con Galicia. O problema é que moitos políticos e partidos confunden conservador con conservar, con conservar estruturas cómodas e fáciles de controlar, con conservar mecanismos partidarios para asegurar a moqueta e garantir a súa rede partidaria. Non caen na conta de que non todo o mundo está a velas vir, e o final vai ser tarde para cambiar as cousas, pero iso é o que pretenden claro. Era ben non deixarlles, e ter moi presente que Galicia ten que estar na nova construción do orde global na nova Europa dos Pobos e do Piar Social.

A velas vir

Te puede interesar