Domingo 18.11.2018

Gaña Segismundo, perde Galicia

O conflito social de Sargadelos xa tiña vencedor antes de iniciarse

O conflito social de Sargadelos xa tiña vencedor antes de iniciarse, ese gañador é Segismundo García, o señor “Consejero Delegado” como lle gusta nomearse. Pode parecer que a súa estratexia responde a un quentón como xerente, mais estou seguro de que todo está metricamente estipulado e estudado cun único fin, rematar cos dereitos laborais en Sargadelos e buscar apoucar ó plantel para garantirse unha paz social e seguir incumprindo os 262 preceptos legais, que el mesmo presume de non cumprir, gran empresario e respectuoso coa legalidade vixente, si señor! e coa competencia dos empresarios e autónomos que cumpren mes a mes con sacrificio. 
Claro está que se o conflito  ten un vencedor tamén ten que ter perdedor ou perdedores neste caso perde Galicia e perdemos todos, porque quen máis deixaron neste camiño foron os traballadores e traballadoras de Sargadelos que lle fan o xogo ó seu dono. Perderon a súa dignidade como persoas nunha sorte de doma e castración que tarde ou cedo pagarán a Don Segismundo. É certo que quen xoga con miserias e un miserento e neste senso o “Consejero Delegado” é tal, non ten outro nome. Mais supoño que a vitoria lle vai reconfortar o seu ego. 
Estas actuacións, coñezo varias, son as que sitúan a Galicia na cola da negociación colectiva e nos dereitos laborais. Perde Galicia porque, se esta actuación queda impune, pronto outros con menos foco medíatico farán o mesmo, parecido ou peor e voltaran os caciques. 
Neste senso UGT pode gañar unha batalla, a da defensa de Rogelia Mariña representante legal dos traballadores, mal que lle pese a Segis. Pero a guerra está xa perdida e ó final a saída de Rogelia vai ser unha indemnización e un recoñécemento xurídico á súa persoa, xa que non conto que os vendidos das firmas usen o dereito ó voto segredo na asemblea. Sabe Rogelia que a súa actuación sindical en xeral non era por min admirada nin compartida, na miña función de secretario xeral de UGT Costa Lucense, coa anterior Dirección de Sargadelos, son outras historias pero quero que quede claro. Mais é xusto lembrar que xa en 2005 eu mesmo lle din a distinción do premio do 8 de marzo porque entendo e entendía a súa valía como Presidenta dun comité de empresa importante nunha época na que as mulleres non estaban tan presentes no campo sindical, deséxolle forza e firmeza e o mellor dos resultados, aínda que ela sabe tamén que a guerra está perdida.
O que me preocupa como galeguista e o futuro de Sargadelos, o legado de Seoane e Díaz Pardo está, por xogos do capital, e mans dun elemento que non se pode considerar empresario, se nos atemos ás declaración e escritos por el feitos. Un empresario, coñezo moitos, cumpre a lei e xoga coas regras das que todos nos dotamos. En calquera Estado do mundo as declaracións de este “consejero delegado” serían validas para a actuación de oficio da xustiza, que fai a fiscalia? 
Entendo que  a importancia de Sargadelos en Galicia e a natureza da súa identidade que, escapa do meramente empresarial ou industrial, ten que ser o motor de impulso dunha acción política e tamén social. Mecanismos existen que faga que ó final quen perda a batalla sexa o gran “Consejero Delegado”, ese que por exemplo ó non pagar e cotizar os salarios marcados no convenio colectivo esta a roubar ós pensionistas.
Vendo as pobres reaccións da clase política galega a fe é pouca. 
O PP di que isto está na esfera da empresa privada, o goberno da Xunta fai oídos xordos a un empresario que di violar 262 leis e que non cumpre o marcado nas regras de xogo, a Xunta pouco pode facer din... para empezar facer cumprir a lei e denunciar os incumprimentos. 
O PSOE, nun acto de cumprir o expediente fala de dialogo, como si se poderá dialogar con quen che apunta coa pistola do desemprego, que socialistas son oes, de paso esquecen as funcións do Ministerio de Traballo e da Seguridade Social hoxe dirixidas por socialistas, que patético. 
En Marea está falando do seu, que lle imos facer. 
O BNG con botar a culpa á Xunta e pedir que actúe xa está, pois non Señora Pontón, ten mecanismos como partido, póñaos a andar, ou ó caso a CIG non lle deixa?
Que mérito ten o reflotar unha empresa sen cumprin cos trabalaldores, obligando a unha hora extra sen retribución todos os días, eliminando todas as melloras sociais coma o comedor de persoal e a piscina para as familias, deixando de lado toda a parte pública social, o auditorio caendo e o que é peor non atendendo ó mantemento do edificio da factoría declarado BIC. As empresas do algodon americanas tamén foron moi rentables.
Como temos claro que quen perde é Galicia a actuación dos galeguistas vai ser forte señor Segismundo, está é unha batalla que dende CxG nos negamos a perder. Aqueles que xogan coa miseria e o mercadeo do traballo non son quen de representar a Galicia, Sargadelos quédalle grande non faga máis dano a un legado tan importante.

 

Gaña Segismundo, perde Galicia
Comentarios