XENTE NA NÉBOA

Evoco os felices anos da nenez que me traen á memoria algunha xente que pasou pola miña vida. Non falo dos meus parentes máis achegados, senón de homes e mulleres que, cada un ao seu xeito, vivían, traballaban, soñaban, sufrían e amaban arredor de min. Eran aqueles tempos miserentos tempos da posguerra de Franco.
Urbano era o rapaz das vacas. Recórdoo moi serio e traballador. Con catorce anos fíxome un carro, un arado e unha grade, todos de pau, que foi dos primeiros xoguetes que tiven. Sei que moi novo emigrou ao País Vasco onde traballou de ebanista. Hai uns anos preguntei por el en Mariz a un seu irmán. Mágoa porque xusto acababa de regresar a Bilbao despois de pasar uns días na súa aldea natal. De Consuelo recordo que tiña un home coxo, faltáballe unha perna que perdera na guerra. Moi falangueira e espelida dicíame, toda chea de razón, “non pilles anguías neniño, que son primas irmás das culebras”. Tamén recordo o día que rifou con ela miña avoa porque fora a recoller un cartucho de Nadal que repartira o crego Don Manuel aos probes da parroquia. Non podía aturar Doña Lola, todo un carácter, que xente que traballaba na súa casa andara a pedir esmola, e moito menos ao crego.
Silverio era tamén criado das vacas na casa do habanero, meu avó materno, que nunca estivo na Habana. Limpo como unha patena, moito lle gustaba a tortilla de patacas, anque como me dicía el, “túa avoa......”. Levouno a traballar con el á Coruña un meu curmán e  perdinlle a pista.
Juan Luis Tomé, amigo da nenez e de sempre. Sufriu un tráxico accidente que o tivo en coma durante moitos anos.
Manoela viviu toda a súa vida na casa onde era case da familia. Facía de todo, na casa e no campo, sempre leda e falangueira, moito nos quería a nós, os de Ferrol como dicía ela. Morreu cega, moi preto dos cen anos.
Josefa traballou arreo na casa do habanero. Tiña a forza dun home, ou dous, era quen de cargar e descargar ela soa un carro de toxos. Sempre sorrinte e moi festeira, casou cun rapaz de Guitiriz e marcharon os dous para Bilbao na procura de mellores horizontes para os seus fillos. A todos eles, dende a saudade e a distancia, onde queira que estean, un recordo apaixonado.

XENTE NA NÉBOA

Te puede interesar