Tempo de parvadas

Na dinámica laboral do xornalismo foi collendo corpo sólido un xeito de atallar a carencia de noticias relevantes coa seca das fontes institucionais neste tempo de lecer, moita festas rachada e vacacións do cadro de persoal nas diminuídas redaccións; e, moitas veces tamén pola existencia de brincadeira á xente en prácticas que é inducida ou tentada a facer titular e tratamento de portada sobre asuntos non contrastados. Un proceso coñecido como “serpes de verán”, historicamente fornecido pola sorprendente aparición de monstros en determinados lagos que, grazas a iso, converten en mito o asunto e mesmo rematan por facer do fenómeno unha boa fonte de atracción e recursos turísticos. Esta “tormenta de verán”, de novas periodísticas irrelevantes ou sorprendentes que veñen a encher as páxinas ou a pantalla dos medios de comunicación, nacen e medran ao mesmo ritmo que desvanecen sen deixar moita pegada na memoria colectiva.
Sorprende, iso si, a súa adaptación aos tempos modernos. Se no pasado a temática bebía do campo da “criptozooloxía” encabezada por monstros mariños, osos de montaña pantasmas, animais misteriosos e outras criaturas fantásticas; aos que sumar aparicións de seres extraterrestres chegados de fóra da galaxia, intervencións enigmáticas en áreas de cultivos rurais e cousas que forman parte do mundo da parapsicoloxía, incluído niso a singular interpretación bíblica de algún dos achados arqueolóxicos traídos á noticia; agora toca aos temas deste tempo.
Un novo período na traxectoria da humanidade que mudou radicalmente nos usos, costumes e no interese morboso á hora de consumir información. Unha época que pode sintetizarse, coa retranca debida, nun intelixente chío que cataloga os poderes extraordinarios da persoa deste século: Ser tolerante á lactosa, poder comer “gluten”, ser capaz de situarase unha localización sen facer uso de mapas electrónicos, non deixarse ofender por calquera cousa e saber un numero telefónico ou a data dun aniversario persoal de memoria. Si, é idade das novas tecnoloxía da información e do coñecemento, cos seus aparellos que veñen colaborar, probabelmente anulando, á función da memoria. E, polo que pode verse, do bo criterio á hora de razoar e diferenciar o que é certo da trola. A era das “fake news”, infectando aos variados canles de comunicación.
Por iso, a policía alemá deixou en evidencia que foi falso que dúas persoas dunha residencia de maiores se escapasen para ir a un célebre concerto de “heavy metal”. Tempo de parvadas. Abofé.

Tempo de parvadas

Te puede interesar