Compostaxe: Lóxica e vontade

Dicía un experto na materia que coa compostaxe “o que sae da terra, volve á terra”. É o que facemos nos concellos sen embargo é pagar –e contaminar– por desfacernos de algo que, inda por encima, ten valor engadido. Isto non ten moita lóxica, dende logo. E menos cando sabemos que os residuos orgánicos que xeramos tódolos días nas nosas casas supoñen o 50 % do lixo de todo un concello. E tamén sabemos que coa taxa que pagamos pola recollida do lixo, os concellos non logran cubrir nin a metade do custe deste servizo. Custe que non deixa de se incrementar e que, de seguir igual, haberá que engadirlle as sancións que a UE pretende aplicar a partires de 2020 aos concellos que non reciclen, polo menos, un 50% dos residuos.
Xa é coñecido que a Deputación ven de poñer á disposición dos concellos interesados o financiamento, a infraestrutura, asesoramento e mantemento por parte de  persoal cualificado –os Mestres Composteiros–  para implantar un pioneiro sistema de compostaxe comunitario. Ademáis de facer máis eficiente a recollida selectiva doutro tipo de lixos, está demostrado que a boa práctica da compostaxe, á par que sinxela, non emite cheiros, non atrae insectos ou roedores, nin nada de todo aquilo que tódolos días vemos nos contenedores verdes. Precisamente esta será a principal labor do Mestre Composteiro; velar polo seu bo funcionamento.
Na Illa levan dende 1997 aplicando un modelo de compostaxe individual que xa implantou preto de 500 composteiros noutras tantas vivendas, e que conseguiu, combinando unha firme vontade política municipal e o imprescindible compromiso cidadán, reducir de xeito moi importante o envío do lixo orgánico para a súa custosa e contaminante incineración. Se a esto engadimos que, coma no caso de Ribadumia, o propio concello vai empregar o compost resultante (15kg por cada 100 de residuos) no mantemento dos parques, xardíns e zonas verdes, pechando deste xeito o círculo de que “o que sae da terra, volve á terra” ¿por que temos que pagar tanto por desfacernos de algo que ten valor? Quizáis a resposta a teñan que dar aqueles que patrocinan ós detractores deste sistema.
*Edil de Medio Ambiente e Limpeza de Ribadumia.

 

Compostaxe: Lóxica e vontade

Te puede interesar