PANCARTAS, CONXUGANDO O VERBO PROTESTAR

Ando a comezos de semana coa vena reivindicativa un pouco alterada, pídeme o corpo un pouco de protesta construtiva, un xeito de “Ils ne passeront pas” do Mariscal Petain, un arrebato de “No Pasarán” ó estilo Pasionaria, ou metido no meu papel de Roi Xordo do Medievo,  por buscar un exemplo máis próximo. Seguindo o costume bastante popular ultimamente en Pontecesures  vou a saír polo pobo a colocar unhas pancartas, dando prioridade ós edificios públicos… Así, debaixo da que “engalana” a nosa gardería municipal, xa desde o pasado día 1 de agosto para admiración de propios e alleos, a pesar de que a relación laboral da aludida co concello xa rematou, colocarei eu a miña primeira pancarta de hoxe. “Xogo, logo existo. Arranxo do parque infantil municipal Xa…¡”. Considero lexítima a primeira das miñas demandas, pois como pai de dúas criaturas en idade de xogar no parque do seu concello con certas garantías de non eivarse no  intento dada o lamentable estado no que se atopa o parque Vicente Moure, está así máis que xustificada a miña petición. Continuarei cun alto na biblioteca, cerrada en época estival, farei aquí a miña segunda parada “ A ignorancia do cidadán é a vitoria do tirán... En Pontecesures tamén leemos no verán..¡¡”, versará a miña segunda pancarta, de seguro que quedará magnificamente. Cruzarei logo a pasarela sobre a N-550 de camiño ó Centro Social, continuando coa miña lexítima actividade de queixa, que medra  a medida que avanzo nela. “ Bótalle a culpa ó Clero ou bótalla ó Concello, se de saber a hora se trata, na Prazuela perde-lo tempo..”, versa a miña terceira pancarta desta xornada, non dubido de que dará o resultado pretendido. E como remate a esta xornada de reproches encarrilo cara o peirao, bonito paseo de camiño a Porto e escaparate do noso pobo ó mar de Arousa, polo menos este ano o remonte do Ulla pola fundación Ruta Xacobea do mar de Arousa e Ulla, Pontecesures quedou xusto como iso , como escaparate…  A piscina municipal tampouco se librará doutra lenda que dirá “ Mágoa que remate a piscina antes que o verán…”  No monolito a carón do peirao colgarei a miña derradeira pancarta para hoxe, venme á cabeza a Neruda e escribo . “ Gústasme limpeza, porque estás así…como ausente…”coa esperanza de que dunha vez por todas se empecen a tomar medidas contra os que sistematicamente deixan o noso peirao cheo de excrementos de cans e algún que outro equino que se lle sumou ultimamente. Únome así ó xeito de petición de esas abnegadas e descontentas nais e pais que solicitan o desterro da anterior concesionaria da gardería municipal do noso pobo por medio de pancartas, para que xunto coas miñas demandas consigamos o que uns e outros vimos a pedir deste xeito tan particular, coa certeza de que coa ambiguedade funcional que caracteriza ós que agora gobernan este pobo, as pancartas adornarán os nosos edificios públicos bastantes días máis do desexable.

 

PANCARTAS, CONXUGANDO O VERBO PROTESTAR

Te puede interesar