A xustiza de xulgar a un xuíz

Salvo contadas excepcións, calquera opinión sobre unha resolución xudicial estará baseada na propia idea do mundo e na interpretación persoal da realidade. Incluso dende o convencemento de que o modelo que cada un concibe para si é non só o mellor, senón case o único posible. Di un bo amigo, ao que escoito menos do debido, que o problema do sentido común é que cada un ten o seu.
Estou seguro de que hai unha fundamentación teórica e práctica no ámbito xurídico, e incluso social, para soster moitas decisións das que se toman. Seguro. Pero debemos asumir tamén o contrario, que existen posicións igual de fundamentadas que defenden decisións opostas, que argumentan contra o esquema preestablecido con precisión, solvencia e firmeza. 
A balanza está, non entanto, desequilibrada. Hai unha lóxica aplastante sobre a condición humana que explica por que o sistema xudicial está hoxe en discusión, e que ten que ver co cambio social producido nos últimos anos a todos os niveis: o que non se comprende, é rexeitado. Esto non ocurría hai non moito tempo cando o sistema, como concepto global de funcionamento do mundo (institucións, leis, orden…) se asumía como totalmente válido e mínimamente modificable. O mundo é hoxe algo menos sumiso, en todas as direccións. A realidade mudou, e a esixencia agora é moito máis elevada. Corresponde a outro debate reflexionar sobre se iso trae consigo a solución dalgún problema, de todos, ou de ningún. Pero a realidade é así.
A sociedade que vivimos hoxe está sacudida. E, por tanto, tamén os xuíces, que están sometidos a escrutinio público, sobre a súa función e as súas resolucións. Seguramente haberá quen considere que non é xusto xulgar aos xuíces, porque ademáis de ser un trabalinguas non hai nin a formación nin o coñecemento suficiente. Pero eso mesmo se podería aplicar sobre unha periodista, unha política, un cociñeiro ou sobre as ameixas á mariñeira que facía miña avoa, porque non había ninguén neste planeta que as soubera facer como ela. Así pois, vivimos na época da lupa e, por tanto, asumamos que se queremos este mundo debemos adaptarnos a el ou traballar para cambialo. A indignación que existe hoxe en día sobre algunha resolución xudicial está na incomprensión e na dificultade de axustala ao concepto de xustiza que unha gran parte da cidadanía acepta como válido.
Por tanto, e aínda que partamos de que non hai unha verdade absoluta, cabe preguntarse que, de habela, de quen é a verdade? Quen defende unha verdade que non comprende? Gustaríame ter máis respostas que preguntas, pero confésome incapaz de saír deste dilema no que as miñas convicións me din que o mundo é máis sólido do que parece, pero cando trato de argumentalo acabo concluíndo o contrario. Resúltame difícil defender aquelo no que creo cando se me acaban os argumentos. E hai semanas nas que empezan a escasear. 

A xustiza de xulgar a un xuíz

Te puede interesar