domingo 15.12.2019

Acordos e desacordos

Vivimos no problema de líderes que marcan, con demasiada premura e contundencia, unhas liñas vermellas que achican en exceso as posibilidades do futuro. Coma se levasen un trofeo  e unha invitación a cenar aqueles que conseguisen deixar fora das súas propostas a máis xente que dentro. Canto máis se enche a boca de contar verdades aparentemente inamovibles, máis pequena se fai a habitación do diálogo. Canto máis precises gritar os teus principios e que menos claros os tes. 

Seguramente empezan a pensar vostedes, tras ler as páxinas do diario, que será un problema ter que votar outra vez nas eleccións. Seguramente non entenden por que non hai  unha solución razoable, que non se faga trampas ao solitario e saiba facer as contas do necesario. Unha solución que, en definitiva, pase das musas ao teatro.

Non esperen vostedes por unha dereita sensata, con percepción de país e coa personalidade suficiente para facer aquelo que sempre lle esixe aos demáis. Non existe en España. Non o é o PP que clamaba patriotismo para que Rajoy fora presidente sen sair do sofá, café, copa e puro. Non o é Ciudadanos, que podía ter sido a necesaria dereita liberal europea e moderna que fai falta. Podía, pero non o foi.

Se desexan, coma min, que novembro non se convirta nun novo mes electoral, esixan concreción. Esixan que se poida falar do salario mínimo, das pensións vinculadas ao IPC, de progresar en conciliación ou en igualdade, de apostar firmemente pola ciencia e as novas tecnoloxías como proxecto de país, de cantos profesionais máis necesita a nosa sanidade…  Esixan que se fale de políticas. En plural.

Do concreto, das medidas. E facelo cedendo, pois se alguén se sinte plenamente satisfeito haberá outro que non o sinta en absoluto. Os acordos son cesións mutuas. Facelo permitirá entenderse mellor sobre os nomes, que son importantes pero son secundarios. Sabendo a onde se quere ir é máis fácil escoller tripulación, salvo que exista quen está disposto a botar o barco ás pedras con tal de ir dentro. 

Acordos e desacordos
Comentarios