O aspirador e o aspersor de Madrid

oma se dunha festa popular se tratase, que ben podería filmar Berlanga e cantar Sabina, Madrid está hoxe no eixo de demasiadas novas, demasiadas tertulias e demasiadas ridiculeces. Se a pandemia afectou a todo o país, e contouse por todas as vías que o virus non entendía de fronteiras e territorios, o caso de Madrid é outro mundo. 
Non hai dúbida de que as condicións son especiais: máis de 6 millóns de persoas nun territorio circunscrito, 2 millóns de pasaxeiros en transporte público, aeroporto internacional, concentración económica, actividade esencial agrupada… todos os condicionantes para que a chegada e expansión do virus fose un paseo militar. Con todo, hai moito máis en Madrid que alimentou o problema. A búsqueda dunha guerra partidista permanente, a utilización das institucións como arma de confrontación, a confluencia de egos políticos confrontados no goberno autonómico e a nula visión de como Madrid pode axudar ao resto do país fixeron o caldo perfecto para que fose a bomba expansiva que foi... e que hoxe volve a ser.
Verán vostedes moitos gobernantes presumir dos seus datos comparados coa media de España. Non o crean con toda certeza. Calquera cálculo sobre o conxunto de España está condicionado polo que ocorre en Madrid (e, en boa parte, en Barcelona). Se retiramos eses dous focos do cálculo, sorprenderíanos o resultado. Ata aí chega, tamén, o condicionamento que Madrid fai sobre o resto do país.
Pero todo eso queda debaixo da realidade triste, pesimista e lúgubre que inunda todo nesa cidade e comunidade. Unha Madrid que, para tantas cousas, é agradable, anfitriona, alegre e luminosa resulta agora un lugar ténebre, no que cada día coñecemos unha diarrea verbal nova da súa presidenta e goberno. Madrid, que no día a día é un aspirador de recursos que atrapa investimentos e apostas que se perden noutros lugares, como apuntou un intelixente presidente autonómico recentemente, é tamén un aspersor de memeces hoxe en día. Unha comunidade que despedazou a súa atención primaria (tamén pasou en Galicia), que contratou curas en vez de rastrexadoras (tamén pasou en Galicia) e que únicamente sabe estar en guerra contra o Goberno de España (Galicia tamén o fai) cando todo o país está pedíndolle que tomen medidas, debera ser consciente do impacto que produce. 
Se Ayuso cre que está sendo un exemplo, que se faga mirar que tipo de exemplo quere ser. Moitos preguntámonos se no seu partido non haberá ninguén que lle faga reflexionar, pero resulta que cando é preciso obrigar a salvar vidas con medidas sanitarias, chegan os iluminados como Galicia e Andalucía, que se lle suman a esa guerra e a amparan e que se poñen en contra das medidas necesarias. Madrid, outrora fonte de inspiración, ten un goberno que a transforma nun cisne negro. Esto é o que pasa cos gobernantes enloquecidos e diabólicos. Por favor, paren isto.

O aspirador e o aspersor de Madrid

Te puede interesar