Balances

ermina unha lexislatura autonómica, e pode entrar algo de pavor fronte ás campañas de promesas como churros e palabras rápidas. Por eso creo que os balances sosegados e con perspectiva son máis produtivos. Van alá 3 anos e medio dende que foron as últimas eleccións autonómicas. Persoalmente teño que agradecer a oportunidade que tiven de representar a unha cidadanía esixente e que demanda eficiencia e eficacia, como debe ser. Correspondeume facelo ante unha maioría absoluta inflexible e pouco dialogante, o que dificulta a tarefa, pero aínda así a política debe facer o digno e necesario papel de conectar coa cidadanía e coas reivindicacións, liderar transformacións necesarias e servir para que as nosas vidas teñan a oportunidade de ir a mellor. 
Fagamos un balance, aínda que breve. A nosa comarca tivo problemas coa sanidade. Como toda Galicia, tristemente, pero no noso caso estamos no podio dos martirizados por un goberno que foi incapaz de resolver. E houbo, aquí si, café para todos. Ningún concello sen problemas, non quedou ningún que se librara. Semella que a Xunta acolleuse a aquel lema dos traballadores de Lantero: Ou todos ou ningún. Pois foron todos. A pediatría intermitente en Catoira, o centro de saúde malamente remendado en A Illa, as mobilizacións de Meis ou Ribadumia para que houbera médicos, as queixas de profesionais en Meaño, as baixas que non se cubren en Vilanova, a atención de tarde suprimida en Cambados, os centros de saúde necesarios e negados en O Grove e Vilagarcía… e a perda de área sanitaria para todo o Salnés que nos fai cidadáns de segunda en atención. 
Fagamos máis balance. Onde está a necesaria segunda fase do Pousadoiro para que se poidan asentar empresas novas? E a intermodal que axudaría a enfocar un mellor transporte público comarcal? Que foi do prometido saneamento da ría máis produtiva do mundo e que hoxe provoca sancións europeas? Que novas escolas infantís fixo a Xunta de Galicia? Por que O Grove non pode ter un novo porto deportivo?
A todo esto, e máis, pretendín dar voz. Creo firmemente que son demandas claras dunha comarca abandoada pola administración autonómica. Porque non se vive de palabras, nin de cifras repetidas monotonamente que ninguén ve na realidade. A ambulancia medicalizada ou a apertura do centro de día de Cambados foron conquistas ás que puiden dar voz e que tras reclamacións, mobilización e presión social conseguíronse a pesares da reticencia do goberno (im)popular.
Hai moito por facer, e para elo sinceiramente creo que toca cambio. Creo que son tempos de aires novos, de outras perspectivas. De outro goberno. Porque creo que algúns podemos presentar un balance para esta comarca, pero hai gobernos enteiros que non se poden nin presentar.

Balances

Te puede interesar