Bolivariano Feijóo

Imaxinen un país onde, ante unha crise sanitaria gravísima, un presidente ten un mando absoluto, sen control parlamentario, sen obrigas legais de rendemento de contas, con 4 aparicións cada semana en televisión pública en máxima audiencia pero sen comparecer apenas no Parlamento, que utiliza a situación para emitir decretos nomeando en cargos institucionais (que apenas teñen relevancia fronte á crise) a candidatos do seu partido ás eleccións. Imaxinen agora que se salta acordos asinados e publicados no Diario Oficial e convoca á cidadanía a unha campaña electoral en medio dunha pandemia, un Estado de Alarma, unha autonomía en emerxencia sanitaria e sen acordo con ninguén. Benvidos á terra do bolivariano Feijóo.

Coma se dunha película mala de terror, onde cada escena pretende dar un xiro peor que o anterior, Galicia está ao borde dunha convocatoria electoral unilateral por parte de Núñez Feijóo. O mesmo Feijóo que recibiu en cuestión de horas, por parte dos demáis grupos políticos, todo o apoio para gobernar durante a pandemia, para suspender unhas eleccións (cousa que nunca na Historia ocorrera) e para sentarse a falar despois sobre cando habería que ocuparse deste tema que, sinceiramente, importa moito menos que a crise sanitaria que vivimos. 

Non se trata de negar as competencias, ou incluso de facer cálculos. As eleccións serán cando sexan, e haberá un cambio na Xunta de Galicia porque é necesario. Porque somos máis conscientes que nunca da importancia dos servizos públicos, de evitar os recortes en sanidade e de evitar dirixentes que pensan só en si mesmos e non colaboran nunca. Ese non é o problema. 

Tampouco se trata de discutir sobre o aparente argumento dos “informes de expertos”. Non é necesario, sequera, preguntarse por que uns expertos e non outros, porque sobran argumentos para defender a valía dos profesionais. Pero se vostedes escoitan que as eleccións se convocan rápido porque “os informes dos expertos o din” pregúntense cantas veces se menciona a convocatoria electoral. Dígollo eu: 0. Porque non están feitos para eso e porque estamos, outra vez e xa van demasiadas, ante outro manoseo de profesionais. Ante informes usados como parapetos. Se de verdade se lles fixera caso sempre, xa sería outro cantar.

A realidade é que esta terra é tomada como un cortello por algúns obsesos de poder. Doutores terá a santa igrexa (ou quen toque) que defenderán ao seu líder con axeonllada entrega, e existirán aplaudidores profesionais que entran en trance ao falar do seu mesías. Pero as adoracións persoais, desculpen, non son ben vistas por estas letras. Aquí somos máis de respetar profundamente aqueles valores que aprendimos sobre convivencia, respecto, dignidade e crítica. E lamento chegar ao punto en que sexa difícil aplicar esto a un presidente que, debendo ser de todos, está hoxe máis preocupado por como lle irá a el nos colexios electorais que por como nos vai a ir a todos nos centros de saúde.

Bolivariano Feijóo

Te puede interesar