Cando votar é un problema

al e como anda o mundo, este título sería suficiente para destapar a caixa das desatadas e feroces críticas sociais, arder na fogueira dos impuros e desatar a tormenta de acusacións sobre tantas cousas oscuras. Seguro. Pero, aínda así, hai que dicir algunhas veces cousas como que votar non é sempre unha solución, e ás veces é un problema.
Si, estou pensando na desafortunada consulta que en Podemos se ten lanzado para maior gloria persoal e fracaso colectivo. Haberá, obviamente, benintencionados defensores da consulta. É natural. Pero permítanme algunha observación. Votar é unha solución, probablemente moi boa, ante algunhas situacións como, por exemplo, as decisións mutuamente excluíntes como unhas primarias para escoller líderes, ante situacións pechadas como un documento final dun acordo ou para unha decisión dicotómica como decidir o modelo da xefatura do Estado.
Saltarse esas ideas leva a plantexar votacións para todo canto escenario de dificultade existe, conseguindo que os que se supoñen líderes fuxan das súas responsabilidades. Así termínase, por exemplo, por votar sobre o Brexit sin que a día de hoxe se saiba como se vai poder executar e con máis de media Gran Bretaña desexando repetir para desfacer o problema. Básicamente, votar é o método moderno dos gobernantes para trasladar problemas e non solucións aos gobernados. Un dos encargos que os políticos temos é asumir o custe das decisións, e facer o traballo gris e laborioso de chegar a elas aínda que non saibamos se ao final van ser de gusto xeral. Incluso debería entenderse que dende a política precisamos liderar decisións que poden non ter un apoio inicial, pero traballar para convertilas en boas e respaldadas. 
Dito esto pregúntome como se pode soster unha proposta de bos contra malos, onde unha idea é “integral e razonable” e na outra xa “basta con”. Pregúntome tamén como se pode estar disposto a “negociar ata o último minuto” cunha consulta en marcha (será que estamos dispostos a pasar olímpicamente do resultado se obtemos unha solución por outra vía ao final?). Podería ser mellor, incluso, se todo acaba como aquela fantástica decisión dificilísima da CUP que, como non, parapetouse no asambleísmo e resultaron...empate a 1515! Nin feito a propósito. E xa non digamos que, despois dunha coalición que non tería aínda maioría, outros partidos esixan tamén membros de gobernos. Deberían volver a votar internamente os partidos? Cales? Votarán en Podemos nome por nome os que deberían estar no Goberno ou iso xa se decide doutro xeito?
Asumir que “a democracia é votar” non é de todo preciso, pois democracia non é tomar as decisións da maioría simplistamente, senón respectar tamén ás minorías, integralas, explorar os matices, negociar. E para iso é imposible, asumámolo, someter todo a votación asamblearia. So o feito de decidir o que se vota e o que no, discrecionalmente, xa o convirte nun método trucado. 
Podemos é hoxe un partido importante e relevante en todo o territorio. Por fortuna ten nas súas filas, e no seu entorno, a persoas de gran capacidade e valor que enriquecen a nosa sociedade e, de maneira especial, a nosa política. Persisto no convencemento de que hai moito espazo por explorar, pero evitemos as adoracións mesiánicas persoais e os “insultos á intelixencia”.

Cando votar é un problema

Te puede interesar