cinco minutos

antaba Víctor Jara que “a vida é eterna en cinco minutos”. É un tempo pequeno para moitas cousas, pero suficiente para algunha importante como decidir o noso futuro. Cinco minutos é o tempo que nos leva ir a votar este domingo. Mañá temos, cada persoa, unha decisión que tomar. 
Eu vou a ir a votar, e convídolles a facelo. Por que? Porque creo que o mundo que vivimos ten un problema de intolerancia que representan algúns políticos (habitualmente homes) neste país. Creo que debemos sacudirnos as grandes ameazas e creo que investir cinco minutos en desterrar ao odio, a xenofobia, a intolerancia e o retroceso non é un prezo caro. 
Porque, falemos claro. Cando un cre decidir que non votando castiga a algo ou a alguén, está unicamente cedendo a decisión a outros. Haberá moita intención de amosar molestias, incomodez, desapego ou incluso cabreo. Si. Pero fagámolo votando. Porque cando alguén non vota porque cre que “os seus” lle defraudaron, pode ter claro que “os outros” non lle van a defraudar. Hainos que nunca defraudan. Sempre fan o que dixeron facer, como Trump, como Salvini. Os extremistas nunca defraudan, os racistas nunca defraudan. 
Hai que votar. Con gañas. Xa non porque houbo tempo que non se puido (que tamén, por suposto), senón porque sen votar renunciamos a opinar. E hai que opinar, e amosar o que pensamos. Se vostede está convencida de que a clase política debe seguir negociando dende o mesmo resultado, vote o mesmo. Se vostede cree que alguén foi máis sensato, vótelle. Se vostede cree que debemos impedir que os tristes e aprendices de mandamases deben estar fora do poder, vote a quen é capaz de gobernar e frealos. Decida o seu criterio libremente, pero vote. 
Son cinco minutos, non hai desculpas, non hai freo. Se vostede olla ao seu redor atopará algunha xente que sempre lle pide que non se meta nas cousas, que non se preocupe por implicarse, que xa amañan eles. Está na nosa man que non decidan por nos. Os que non queren que participemos é porque queren decidir solos. Temos dereito, e os dereitos deféndense exercéndoos. Toca votar. Contra a intolerancia e a favor do avance e do progreso. Votemos. Son cinco minutos.

cinco minutos

Te puede interesar