A decepcionante bandeira do localismo

Entre a sorpresa e a decepción leo estes días o que parecen intentar ser unhas críticas por parte do alcalde de Vilanova sobre a importante proposta de dotar a comarca de Arousa dunha planificación comarcal de transporte. Non está claro se a vontade é que Arousa non teña plan comarcal de transporte, que se quede ás portas do que teñen outras comarcas importantes de Galicia ou, sinxelamente, se trata dunha nova maneira de saír nos periódicos como tantas outras, sen moito que dicir. 
Arousa ten un problema de transporte. Chegar de Vilagarcía a Ribadumia ou de O Grove á Illa non é para nada tan fácil como debera. Pode ser que algún responsable público non coincida con isto, pero sinceiramente creo que entón non comprende nada do que pasa na comarca. Así pois, hai que resolver este problema. Como? Ao igual que se está a facer en todo canto lugar afronta este problema. Asociándose e agrupándose. Case todos os problemas se resolven mellor en común que en solitario. 
Non entanto semella que isto non é unha boa solución para algúns que, lonxe de entender que é importante ser pragmáticos, ter unha proposta conxunta e resolver un problema en colectivo, prefiren andar facendo guerras persoais e apelando a localismos absurdos. Estar en contra dunha proposta que pode facer avanzar á comarca so porque a fai outro podería ser guión para unha película cómica, pero vai mais ben camiño de ser un drama. Ao alcalde de Vilanova, que parece mandar moito no seu partido, parécelle que a proposta está mal e que hai que “defender ao noso pobo”. Se todos facemos o mesmo non habería solución común e seguiríamos igual que estamos durante moitos anos máis. Ridículo.
Precisamos unha solución colectiva para o transporte público. Que organice un servizo para poder logo distribuílo da maneira óptima para toda a comarca, que permita realizar con eficiencia as tarefas e transportarse cómoda e eficazmente. Que facilite a mobilidade para mercar, para facer as xestións nos concellos, en Facenda, na seguridade social, que faga posible un bo servizo ao Hospital, ás praias, á estación de tren para conectarse con outros lugares… Os esforzos deben estar nesto, e non en torpedealo.
Enfrentarse ao outro so por ser doutro lugar evidencia unha limitación de miras bastante grave. O localismo mal entendido, o que en vez de buscar facer as cousas boas pensa so en dicir que as dos demáis son malas, é absurdo e non suma. Pretender destacar a base de despotricar contra o de al lado, sen argumentos e so por rabia persoal, é mezquino.
Agardo que os seus propios compañeiros de partido, comezando simbólicamente polos de Vilagarcía, non calen e se sumen a un proxecto común bo para todos que sexa dialogado, consensuado e acordado, e que se decidan as cousas segundo sexa bo para todos e non pensando en de onde é cada un. Veremos.

A decepcionante bandeira do localismo

Te puede interesar