A desigualdade combátese pagando

Con certa frecuencia aparecen noticias afirmando que algún grupo de multimillonarios (normalmente estadounidenses) fai pública a súa boa vontade de pagar máis impostos para contribuír ao funcionamento do Estado. Como neste mundo que vivimos andamos tan raros, é posible incluso pensar que é unha estratexia propagandística, ou un investimento en publicidade. Pode ser, pero sinceiramente non me importa ou, se acaso, ata me parece ben. Poderían ser centenares os métodos elexidos para aparecer nos xornais, pero se é por este motivo pois benvidos sexan os impostos, donacións ou aportacións. 

A miudo algún amigo, defensor de pagar menos impostos, pregúntame por que debe financiar el os servizos dos demáis, e por que se arrisca os seus cartos na súa empresa debe despois devolver unha parte se cando perde ninguén lle arrima o lombo. Temos nobles pero acalorados debates, e cóstame moito explicarlle que a xente que traballa na súa empresa tivo unha formación (pública, pagada por todos), mantense en boa saúde ou recupérase ben gracias á sanidade (pública, pagada por todos), chega a traballar en transporte (público, pagado por todos), e que os camións que distribúen a mercancía pola comarca o fan por carreteras (públicas, pagadas por todos). 

Pero tamén debemos contribuir por compromiso colectivo. Porque o día de mañá a meu amigo pódelle ir mal (que non vai ser porque faino fantásticamente), e non é certo que ninguén lle axudaría. Porque contribuímos, tamén, a que as persoas que menos teñan poidan ter mellores oportunidades, i eso fainos mellores a nos tamén. Debemos persistir en combater a desigualdade, pero lonxe de discursos bonitos e cheos de boas intencións, a desigualdade combátese pagando. Nin é certo que se poida facer “máis con menos” nin existe o ideal de meu amigo que di ser “de dereitas na economía e de esquerdas no social”. Non nos enganemos e esixamos que a fiscalidade sexa xusta, pero que sexa. Porque querer ter pero non querer pagar é facernos trampas. 

A desigualdade combátese pagando

Te puede interesar